Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

O presidente da Xunta defende reforzar os vínculos económicos e culturais entre Galicia e Brasil, e fomentar a cooperación bilateral

  • Alfonso Rueda asinou un convenio de colaboración coa Associaçao Brasileira de Empresarios Galegos (Abegal), colectivo que define como “clave para consolidar a Marca Galicia, representando a calidade e o saber facer que nos define tanto en Galicia como no exterior,” afirmou

  • Entre os obxectivos do acordo con Abegal están fomentar as relacións comerciais, profesionais e de investimento, apoiar a captación de novos asociados para a entidade e fortalecer a súa presenza no mercado brasileiro

  • Rueda destacou o potencial exportador da Comunidade galega nos sectores agroalimentario e vitivinícola, nos que Galicia “lidera en tradición e calidade”

  • Nesta xornada da viaxe tamén recoñeceu o labor da Casa de Espanha e da Asociación Recreo dos Anciáns de Río de Xaneiro

Na segunda xornada da visita institucional a Brasil, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo unha reunión con membros da Associaçao Brasileira de Empresarios Galegos (Abegal) en Río de Xaneiro, onde destacou a importancia de reforzar os vínculos económicos e culturais entre Galicia e Brasil, así como fomentar a cooperación entre ambos países.

Neste sentido e no marco desta visita, o titular do Goberno galego –en nome do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)– e o presidente de Abegal, José Manuel Caamaño, asinaron un convenio de colaboración, aprobado esta mesma semana no Consello da Xunta, co obxectivo de fomentar as relacións comerciais entre ambos territorios, profesionais e de investimento, así como apoiar a captación de novos asociados para Abegal, fortalecendo a súa presenza no mercado brasileiro.

“A contribución de Abegal é clave para consolidar a Marca Galicia, representando a calidade e o saber facer que nos define tanto en Galicia como no exterior,” afirmou Rueda, que acudiu ao encontro acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

POTENCIAL EXPORTADOR

Durante a súa intervención, destacou tamén o potencial exportador da comunidade galega nos sectores agroalimentario e vitivinícola, onde Galicia lidera en tradición e calidade.

Así mesmo, o presidente puxo en valor programas autonómicos como a Estratexia Galicia Retorna, coa que se pretende facilitar o regreso de 30.000 galegos do exterior entre 2023 e 2026. Ao mesmo tempo, valorou a “estabilidade e oportunidades” que ofrece Galicia e que fan da Comunidade un “socio ideal” para os empresarios brasileiros á hora de afrontar os retos do futuro, especialmente en sectores estratéxicos como a biotecnoloxía, as TIC e as enerxías renovables.

CASA DE ESPANHA E ASOCIACIÓN RECREO DOS ANCIÁNS DE RÍO DE XANEIRO

Durante a súa xira por Brasil, o presidente da Xunta tamén visitou a emblemática Casa de Espanha en Río de Xaneiro, unha institución que representa un nexo entre pobos irmáns e un exemplo do compromiso da diáspora galega coa preservación das súas raíces culturais e sociais unindo xeracións.

Alfonso Rueda fixo entrega de sendas placas conmemorativas tanto á Casa de Espanha como á Asociación Recreo dos Anciáns de Río de Xaneiro, en recoñecemento ao seu incansable labor.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia