Consellería de Economía e Industria
Rueda detecta marxe para intensificar as relacións comerciais entre Galicia e Brasil, en especial en sectores como o pesqueiro, naval, biotecnoloxía, aeroespacial e renovables
-
Nun encontro con representantes de empresas e institucións de Sao Paulo, o presidente da Xunta avogou por aumentar a presenza de empresas galegas no país e convidou a posibles investidores a implantarse en Galicia
-
Lembrou que ambos territorios xa teñen unha boa base desde a que construír relacións comerciais exitosas e puxo en valor a situación xeográfica privilexiada da Comunidade, a ampla dispoñibilidade de enerxía renovable e a estabilidade
-
Nunha reunión con membros da Federación de Industrias do Estado de São Paulo (FIESP), que representa a 130.000 empresas, enxalzou Galicia como territorio atractivo para investir, grazas a medidas de apoio como a Oficina Económica, a desburocratización ou os novos incentivos en solo industrial
-
Alfonso Rueda visitou a multinacional Gerdau, un dos principais produtores de aceiro en América do Sur, que conta coa empresa de enxeñería de orixe galego Russula como socio estratéxico para a modernización das súas plantas
No inicio da súa vista institucional, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apostou por intensificar a presenza de empresas galegas en Brasil, onde xa están asentadas varias industrias de referencia da Comunidade, e convidou tamén a posibles investidores do país sudamericano a implantarse en Galicia. Así o sinalou nun encontro en São Paulo con representantes de empresas e institucións españolas, galegas e brasileiras. Alí valorou que Brasil é un mercado estratéxico, o máis grande de América do Sur, cunha poboación de máis de 200 millóns de habitantes, e unha das economías máis importantes do mundo.
Rueda considerou que Galicia e Brasil xa teñen unha boa base desde a que construír unhas relacións comerciais exitosas. Así, entre outros elementos que contribúen a isto, citou a proximidade da lingua, que permite a comprensión mutua; a extensa comunidade de galegos que reside no país; e unhas relacións comerciais que se veñen mantendo estables nos últimos anos. De feito, en 2023 Galicia exportou a Brasil por valor de case 85 millóns de euros e conta con 183 empresas exportadoras activas a este mercado.
Con todo, considerou que resulta posible aumentar estas relacións, nomeadamente en sectores nos que Galicia é referente, como o pesqueiro, o naval, a biotecnoloxía, o aeroespacial ou as enerxías renovables.
Durante a súa intervención, o presidente galego tamén convidou a posibles investidores brasileiros a establecerse en Galicia. Neste sentido, puxo en valor a situación xeográfica privilexiada da comunidade, que supón unha porta de acceso directo ao mercado ibérico e, por extensión natural , ao resto do continente europeo; así como a súa ampla dispoñibilidade de enerxía renovable e a súa estabilidade.
Tamén citou algunhas das medidas que está implantando o Goberno galego para favorecer o asentamento de proxectos viables na comunidade. Entre outras, recordou que está operativa a Oficina Económica de Galicia, que presta asesoramento e apoio ás ideas durante todo o proceso; a desburocratización e axilización, con redución de prazos á metade e compromiso de contar con todos os permisos antes dun ano para os proxectos de máis envergadura; e os incentivos existentes, como o financiamento ou o solo industrial gratuíto para os primeiros 8 anos.
ENCONTRO CON EMPRESARIOS
Previamente a este xantar con empresarios e institucións, o presidente da Xunta reuniuse coa Federación de Industrias do Estado de São Paulo (FIESP), a maior asociación comercial da industria brasileira que representa ao redor de 130.000 empresas de diferentes tamaños e sectores.
Posteriormente, visitou a planta dun dos principais produtores de aceiro en América do Sur, a multinacional Gerdau, que conta coa empresa de enxeñería de orixe galego Russula como socio estratéxico para a modernización das súas plantas siderúrxicas desde hai 25 anos. Russula constitúe un bo exemplo da cooperación empresarial entre Galicia e o país sudamericano.
O xantar da delegación galega con empresarios e representantes de institucións escolleu como marco especial un restaurante con fonda vinculación e conexión con Galicia, o Rubaiyat Faría Lima, pertencente ao grupo hostaleiro fundado en Brasil polo empresario galego Belarmino Fernández Iglesias, emigrado a São Paulo en 1951 desde Rosende, no municipio lucense de Sober. Belarmino Fernández e o grupo Rubaiyat foron os protagonistas dunha reportaxe publicada en GaliciaExterior: galiciaexterior.com/es/america/belarmino-fernandez-mazorras-brasil
Rubaiyat Faría Lima, referente da gastronomía de São Paulo, está ubicado en Jardim Paulistano, unha das zonas máis exclusivas da cidade, no distrito de Pinheiros.