Consellería de Economía e Industria
Rueda defendeu ante a Comisión Europea un modelo de desenvolvemento enerxético, industrial e marítimo-pesqueiro plenamente compatible coa protección do medio ambiente

- O presidente da Xunta, acompañado pola conselleira de Economía e Industria e polo conselleiro do Mar, mantivo en Bruxelas reunións con Teresa Ribera e con Costas Kadis
- Trasladoulle á vicepresidenta de Transición Limpa, Xusta e Competitiva da Comisión Europea a “absoluta rigorosidade” coa que se tramitan os proxectos industriais en Galicia e as avaliacións de impacto ambiental
- No encontro con Teresa Ribera, o presidente da Xunta e María Jesús Lorenzana abordaron a actual situación xudicial de proxectos eólicos
- Rueda demandou que se teña en conta a Galicia “como territorio estratéxico para as grandes redes de transporte en Europa”, incluíndo tanto o transporte de persoas e mercadorías como as infraestruturas enerxéticas
- Na reunión co comisario de Pesca e Océanos, o presidente da Xunta incidiu na “necesidade de compatibilizar a preservación do medio ambiente coa economía do mar”
- Sostivo ante Costas Kadis que “é imprescindible esixir regras de xogo iguais para todos” e amosou a súa preocupación respecto aos acordos de libre comercio que poida haber con Tailandia, especialmente en relación co atún
- Alfonso Rueda pediulle ao comisario chipriota que non se eliminen as bonificacións ao gasóleo para os barcos “mentres non se atope outro sistema de propulsión alternativo”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu ante a Comisión Europea un desenvolvemento enerxético, industrial e do sector marítimo-pesqueiro compatible coa protección do medio ambiente, e que cree emprego e novas oportunidades en Galicia. O titular do Goberno galego mantivo en Bruxelas reunións con dous dos membros da Comisión Europea cuxas competencias “nestes momentos son especialmente importantes para Galicia”, subliñou: a vicepresidenta de Transición Limpa, Xusta e Competitiva, Teresa Ribera; e o comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis. Estas xuntanzas tivieron como obxectivo trasladarlles os intereses e demandas da Comunidade e insistir en que “a execución das políticas comunitarias siga tendo unha perspectiva de descentralización”, plantexou Rueda.
No encontro con Ribera, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o presidente do Executivo autonómico abordou a actual situación xudicial de proxectos eólicos. Así, trasladou as súas expectativas ante o futuro pronunciamento do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que deberá fallar sobre a cuestión prexudicial e determinar se a tramitación dos proxectos paralizados foi correcta. Tal e como sinalou o máximo responsable do Goberno galego, este pronunciamento non só afectaría “ás tramitacións que se están desenvolvendo en Galicia” senón que tamén “tería un impacto nas que se levan a cabo a nivel europeo”.
En canto aos proxectos industriais, o presidente da Xunta manifestoulle á vicepresidenta da Comisión Europea a “absoluta rigorosidade” coa que se tramitan as avaliacións de impacto ambiental en Galicia, observando “toda a normativa” que hai que cumprir. Así, de cara ao acceso a axudas de todo tipo, incluíndo as europeas, “poden ter a tranquilidade de que son proxectos absolutamente viables e respectuosos co medio ambiente”, asegurou.
Do mesmo xeito, demandou que se teña en conta a Galicia “como territorio estratéxico para as grandes redes de transporte en Europa”, incluíndo tanto o transporte de persoas e mercadorías como as infraestruturas enerxéticas e “a necesaria conexión de Galicia á rede de hidrodutos europeos”. Tamén fixo referencia ao corredor atlántico de mercadorías, que, segundo apuntou “é preciso que se contemple como un obxectivo estratéxico europeo”, nun contexto de potenciación do ferrocarril e da descarbonización do transporte por estrada.

MEDIO AMBIENTE E ECONOMÍA DO MAR
Na reunión co comisario de Pesca e Océanos, Costas Kadis, o presidente da Xunta resaltou a importancia que ten o sector para a Comunidade e incidiu na “necesidade de compatibilizar a preservación do medio ambiente coa economía do mar”.
Rueda lembrou os estritos estándares que se lles esixen aos pescadores europeos, apuntando que estes non poden verse penalizados fronte a rivais que non compren estes requisitos: “É imprescindible esixir regras de xogo iguais para todos”, defendeu. Ademais engadiu que “o que se nos esixe a nós debe esixírselles tamén a aqueles que queiran vender peixe en Europa”. Neste sentido amosou a súa preocupación respecto aos acordos de libre comercio que poida haber con Tailandia, especialmente en relación co atún.
O presidente galego, que estivo acompañado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pediulle ao comisario chipriota que non se eliminen as bonificacións ao gasóleo para os barcos “mentres non se atope outro sistema de propulsión alternativo”.


























