Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana plantexa en Bruxelas un urxente cambio na normativa comunitaria que limita as axudas na automoción ás grandes empresas e pide abrilas a toda a cadea de valor

  • A conselleira de Economía e Industria demanda a acción “conxunta e coordinada” de todas as administracións para salvagardar a viabilidade do sector en Europa e blindar as súas capacidades fronte ao reto da electrificación
  • Participou nun encontro co comisario de Mobilidade Sustentable e Turismo da Comisión Europea, onde remarcou a necesidade de adoptar medidas urxentes desde as institucións europeas para reforzar a competitividade desta industria no novo escenario global
  • María Jesús Lorenzana considera indispensable actuar sobre catro ámbitos: o normativo, o das axudas públicas, o dos fondos comunitarios e o da desburocratización, no que puxo a Galicia como exemplo
  • No encontro dos representantes de 20 rexións europeas co comisario Apostolos Tzitzikostas inicidiu na petición de maior flexibilidade nas normativas, de revisión das sancións, de fondos específicos e de máis simplificación nas convocatorias de axudas
  • En definitiva, urxiu a que se teñan en conta no seo da Comisión Europea as medidas que xa foron tratadas na III Conferencia Anual da Alianza de Rexións Europeas con Industria de Automoción (ARA), celebrada en Monza
  • A conselleira lembrou en Bruxelas que Galicia foi a primeira Comunidade en activar unha liña de axudas específica para toda a cadea de valor, cunha inxección económica de 230 millóns de euros ata 2027

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, participou en Bruxelas nun encontro co comisario de Mobilidade Sustentable e Turismo da Comisión Europea, Apostolos Tzitzikostas, onde solicitou o apoio do Executivo comunitario para defender os intereses do sector da automoción nun momento “crucial”, dixo. Lorenzana, que interveu onda representantes doutras vinte rexións europeas, recalcou a necesidade de que, desde as institucións comunitarias, se adopten de forma urxente unha serie de medidas para apuntalar a competitividade desta industria no escenario global e, máis, ante as incertezas que está xerando a política arancelaria anunciada polos Estados Unidos.

Ao respecto, a titular de Economía e Industria na Xunta de Galicia pediu unha acción conxunta e coordinada de todas as administracións para salvagardar a viabilidade do sector en Europa e blindar as súas capacidades fronte ao exixente reto da electrificación. Considerou, polo tanto, indispensable actuar sobre catro ámbitos: o normativo, o das axudas públicas, o dos fondos comunitarios e o da desburocratización.

Así, Lorenzana demandou que se flexibilicen os regulamentos de emisións e se dean prazos máis amplos, así como que se revisen as sancións impostas ás empresas; todo, para facilitarlles o proceso de adaptación á nova mobilidade.

En materia de apoios, cualificou como “urxente” cambiar a normativa comunitaria que limita as axudas ás grandes empresas para abrilas a toda a cadea de valor. E reclamou fondos comunitarios directos para as comunidades autónomas que sexan específicos e suficientes para apoiar a transición tecnolóxica e enerxética do sector garantindo que poida competir en condicións de igualdade.

Finalmente, Lorenzana puxo Galicia de exemplo á hora de demandar máis desburocratización e simplificar ao máximo a xestión das convocatorias ou a tramitación ambiental dos proxectos porque, subliñou, “a Administración non ten que estorbar, ten que axudar ao desenvolvemento industrial”.

MEDIDAS URXENTES

A conselleira lembrou que estas medidas xa foron expostas na III Conferencia Anual da Alianza de Rexións Europeas con Industria de Automoción (ARA), celebrada en Monza, polo que urxiu a que se teñan en conta no seo da Comisión Europea porque o contexto actual, remarcou, así o require.

Segundo dixo, o compromiso da Xunta co sector é total; de feito, Galicia foi a primeira comunidade autónoma en activar unha liña de axudas específica para toda a cadea de valor que ascende a 230 millóns de euros de aquí ao 2027, lembrou. A vontade do Goberno galego, engadiu a conselleira, “é seguir mantendo esta liña de traballo conxunta para abordar o escenario que está por vir”.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia