Consellería de Economía e Industria
Lorenzana confía nun modelo económico no que a descarbonización, a industrialización e o consenso social impulsen a sustentabilidade empresarial
- A conselleira de Economía e Industria asistiu, xunto co conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, ao encontro empresarial organizado pola CEG
- María Jesús Lorenzana trasladou a este foro a preocupación de Galicia por “lograr a sustentabilidade social e aproveitar os nosos recursos naturais como elemento tractor da nosa economía”
- Resaltou que a Lei de Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia ten como obxectivo unha xestión responsable que protexa o medio ambiente, que xere riqueza e “que esta riqueza xerada impacte no territorio”
- Afirmou que Galicia está nun ciclo económico cheo de oportunidades, ao contar “cun tecido empresarial excelente, maioritariamente familiar e sólido” e ao consolidar o crecemento do emprego industrial e do comercio exterior, con récord de exportacións en máis de 31.000 millóns de euros
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avoga pola necesidade de conciliar o trinomio que conforman a descarbonización, a industrialización e o consenso social para avanzar na sustentabilidade empresarial. Lorenzana, acompañada polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, asistiu ao encontro empresarial organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), onde insistiu en que é “preciso descarbonizar sen perder as oportunidades industriais e acadando un acordo social”.
Nesta liña, a conselleira puxo en valor a Lei de Promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, baseada, segundo explicou, “na nosa preocupación por lograr a sustentabilidade social e aproveitar os nosos recursos naturais como elemento tractor da nosa economía” apuntou.
XESTIÓN RESPONSABLE DOS RECURSOS NATURAIS
O obxectivo desta norma é asegurar a xestión responsable dos recursos naturais de maneira que se protexa o medio ambiente, xere riqueza e que esta riqueza xerada impacte no territorio: “Está inspirada na nosa experiencia en Galicia e no noso modelo económico, enerxético, empresarial e social”, subliñou.
Por outra banda, a titular de Economía e Industria destacou que a Comunidade galega está neste momento nun ciclo económico cheo de oportunidades. Así, explicou que “contamos cun tecido empresarial excelente, maioritariamente familiar e sólido, o noso emprego industrial continúa crecendo e estamos ante o mellor ciclo de comercio exterior da nosa historia con máis de 31.000 millóns de euros de exportacións”, detallou.
Finalmente, destacou que Galicia ten que ser a protagonista activa e non unha mera espectadora na “revolución industrial que o noso mundo está experimentando e para iso o Goberno galego está destinando todos os seus esforzos”.