Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana avanza no Parlamento que a repotenciación reducirá nun 80% o número de aeroxeradores máis antigos, que pasarán de 3.000 a 600 en oito anos

  • A conselleira de Economía e Industria compareceu na Comisión 3ª, de Economía, Facenda e Orzamentos, para explicar as contas do seu departamento para 2025, que soben un 7,6% e alcanzan os 374,4 millóns de euros

  • Precisou que uns 100 parques que contan cuns 3.000 aeroxeradores de máis de 25 anos veranse obrigados a repotenciarse

  • Lorenzana anunciou a creación do Polo de innovación de enerxías renovables mariñas e almacenamento enerxético de Galicia, con sede no CIS Ferrol, onde se implantará unha Business Factory de enerxías renovables cunha dotación inicial de 800.000 euros

  • En materia de solo industrial, Xestur terá un orzamento de 33,45 millóns para actuacións en 25 parques, dos que máis de 18 millóns destinaranse a urbanizar solo industrial que xa estará dispoñible en 2025

  • Como novas figuras de ordenamento do solo industrial xorden as Zapes (Zonas de aceleración de proxectos empresariais e solo), ás que se destinan 2,5 M€, e as Zonas industriais rurais (ZIR), para o territorio menos poboado pero con potencial empresarial

  • As contas da Consellería para 2025 reactivan o Igape con 278 millóns de euros, un 20% máis de orzamento, incluíndo unha partida de 6,2 millóns para a Oficina Económica de Galicia

  • Os apoios do Igape ás empresas en materia de financiamento soben un 45,4%, ao pasar de 104 M€ en 2024 a 152 M€ en 2025, o orzamento máis alto dos últimos cinco anos

 

Na súa comparecencia no Parlamento de Galicia, na Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos para explicar as contas do seu departamento para 2025, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou que tras un prazo de moratoria de 18 meses para o inicio da tramitación das tarefas de repotenciación, reducirase nun 80% o número de aeroxeradores máis antigos en Galicia, pasando de 3.000 a 600 en oito anos.

Logo de detallar que o orzamento da Consellería para 2025 será de 374,4 millóns de euros, cun 7,6% de incremento, Lorenzana matizou que 100 parques que contan cuns 3.000 aeroxeradores de máis de 25 anos veranse obrigados a repotenciarse. Será, dixo, en virtude do establecido na Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos, que conta con previsións legais transitorias para comezar a aplicar xa os principios básicos do novo Plan eólico, para o que se destinan nas contas do vindeiro ano 780.000 euros dun montante total de 1,2 millóns de euros para outras ferramentas de apoio industrial.

No eido enerxético, a conselleira tamén apuntou que se vai crear o Polo de innovación de enerxías renovables mariñas e almacenamento enerxético de Galicia, que terá o seu epicentro no CIS Ferrol. Nace co obxectivo de potenciar a cadea de valor e a investigación asociada ao sector. E como principais actuacións recolle o desenvolvemento dunha nova zona experimental para eólica mariña -se o Goberno se decide por fin a apoiar a iniciativa-; o impulso da que xa existe en Punta Langosteira; e a implantación dunha Business Factory de enerxías renovables no CIS Ferrol, cunha dotación de 800.000 euros.

NOVAS FIGURAS EN SOLO INDUSTRIAL

En materia de solo industrial, apuntou que Xestur manexará un orzamento de 33,45 M€ para actuacións en 25 parques. En concreto, 18,3 M€ irán destinados a urbanizar solo industrial que estará terminado no ano 2025. Será, entre outros, nos polígonos de Arteixo (Morás) (2,7 M€), As Gándaras (Lugo) (4,7 M€), San Cibrao das Viñas (Ourense) (7,3 M€), ou a Plataforma loxística industrial en Salvaterra e As Neves (Plisan) (3,5 M€).

En ámbitos de menor tamaño, o obxectivo será que a iniciativa privada desenvolva solo empresarial en localizacións onde exista unha demanda real. Para atender estas necesidades crearanse as Zapes (Zonas de aceleración de proxectos empresariais e solo), ás que se destinan 2,5 M€. Propoñen unha tramitación simultánea e máis áxil da ordenación de solo e de proxectos empresariais, naqueles casos nos que o ámbito territorial vaia incluír, como mínimo, un proxecto industrial estratéxico e nos que, ademais, exista un remanente de solo empresarial para futuras ampliacións e novas industrias que se queiran implantar. Prevese tamén que estas áreas acollan instalacións de aproveitamento de fontes de enerxía renovables e almacenamento enerxético.

Outra das figuras serán as Zonas industriais rurais (ZIR), para o territorio menos poboado con potencial empresarial. Están pensadas para actividades industriais de menor envergadura con necesidades de solo (superficie máxima de cinco hectáreas). Aplícase a concellos de menos de 20.000 habitantes. É unha demanda de moitos municipios rurais, que non requiren grandes superficies de áreas empresariais, pero si unhas zonas nas que pequenas empresas ou talleres se poidan implantar. Xunto con isto, os orzamentos tamén recollen unha partida de 2 M€ para a modernización das estacións de servizo do rural, a través dunha liña de axudas para a súa dixitalización.

REACTIVACIÓN DO IGAPE

No que respecta ao orzamento do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Lorenzana destacou que se reactiva con 278 M€ de orzamento e unha suba do 20%. Así, a Oficina Económica de Galicia contará no ano 2025 cun investimento de máis de 6,2 M€, un 8,8% máis que en 2024, entre outras cousas, para poñer en marcha o novo sistema de xestión de axudas SPIGA (Sistema de Procedementos do Igape).

Tamén se activará unha novidosa liña de subsidiación de xuros nos préstamos públicos concedidos ao amparo dos instrumentos financeiros Next Generation, así como dos préstamos concedidos por Xesgalicia, dotada con 5 M€ e coa previsión de activar 200. Os apoios do Igape ás empresas en materia de financiamento pasan de 104 M€ en 2024 a 152 M€, un incremento do 45,4%, o orzamento máis alto dos últimos cinco anos.

Destaca, ademais, a creación dunha nova área de innovación empresarial co obxecto de potenciar o ecosistema de innovación empresarial de Galicia. Neste eido, destinaranse 4 M€ a unha nova liña de axudas (Igape Innova) ou 1 M€ ao novo programa Ticket Innova. A rede de aceleradoras contará con 7 M€ e engadirá tres novas: saúde e benestar, industria do deporte e enerxías renovables.

RECUPERACIÓN AMBIENTAL NA MINERÍA

No ámbito da minería, Lorenzana anunciou un incremento das partidas para a colaboración cos concellos, que acadará unha contía que pasa dos 60.000 aos 310.000 euros para dar pulo á figura dos municipios mineiros. Ademais, destinaranse 3,1 M€ para a recuperación ambiental e restauración de sete emprazamentos mineiros; entre eles, o de Monteneme, en Carballo e Malpica, onde hai unha previsión orzamentaria superior aos 1,6 M€. E tamén se consignan 700.000 euros para o cumprimento da Axenda de impulso á minería sustentable de Galicia 2030.

No que se refire ao Inega, a conselleira salientou a suba de 5 M€ nos orzamentos e a continuidade de convocatorias de axuda como o Bono Enerxía Peme. Pola súa banda, a Axencia da Industria Forestal de Galicia (Xera), precisou, seguirá impulsando no ano 2025, con 1,6 M€, a construción en madeira. Tamén se destinarán 2 M€ á elaboración do Inventario Forestal Continuo de Galicia e 1,4 M€ á rehabilitación do Pazo de Lourizán.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia