Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda sinala que Galicia precisa un novo modelo de financiamento pactado co Estado a través do diálogo con todas as Comunidades

  • Nun xantar-coloquio organizado polo Nordés Club Empresarial, defendeu a importancia de apoiar ao sector empresarial “como impulso dunha Galicia competitiva e innovadora”
  • O titular do Goberno galego puxo en valor as medidas da Xunta para apoiar a inversión, a actividade de autónomos e pemes e a transferencia de coñecemento
  • Remarcou que Galicia é vista desde o exterior como un “territorio tranquilo”, con seguridade xurídica e “amigable”, pero tamén cunha administración “firme e esixente” á hora de avaliar os proxectos

Acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o titular do Goberno galego participou nunha comida-coloquio organizada polo Nordés Club Empresarial na que valorou as actuacións da Xunta en materia de apoio empresarial, directivo e económico para a presente lexislatura. Alfonso Rueda defendeu a importancia de apoiar ao sector empresarial como impulso dunha Galicia competitiva e innovadora. Ademais salientou o papel central do tecido empresarial na xeración de riqueza e emprego de calidade para o noso territorio afirmando que as empresas “son as que moven a economía” e que desexa telas como “aliados”, fomentando a colaboración público-privada.

O presidente tamén puxo en valor o compromiso da Xunta coa dinamización da economía e o apoio a quen quere investir na Comunidade, sendo o deber do seu goberno “poñer as condicións para que as empresas funcionen”, tratando de solucionar problemas como, por exemplo, o paro ou o absentismo laboral. Neste sentido, resaltou que Galicia é vista desde o exterior como un “territorio tranquilo”, con seguridade xurídica e “amigable”, pero tamén cunha administración “firme e esixente” á hora de avaliar os proxectos.

Neste senso, o xefe do Executivo galego detallou algunhas das distintas axudas activadas pola Xunta de Galicia para contribuír a dinamizar a actividade empresarial de todos os sectores. Entre elas, salientou as liñas de financiamento directo para iniciativas empresariais; as axudas para a I+D+i e a transferencia de coñecemento dende os centros de investigación ás empresas; ou as actuacións para a captación de talento e a mellor cualificación dos profesionais apoiándose na formación. Ademais, o presidente tivo palabras para lembrar o compromiso da Xunta de aumentar o parque público de vivenda de Galicia, tamén coa axuda da iniciativa privada.

NOVO MODELO DE FINANCIAMENTO

Ao final da súa intervención neste acto de Nordés Club Empresarial, Alfonso Rueda sinalou que Galicia precisa un novo modelo de financiamento pactado co Estado mediante o diálogo con todas as Comunidades para dispoñer dun mínimo de 500 M€ máis ao ano, que é o sobrecuste derivado da dispersión e envellecemento que non cobre o actual sistema de reparto.

Detallou que a parte dos xuros que afronta Galicia pola súa débeda e que deixaría de pagar coa proposta do Goberno, 42 M€ anuais, son asumibles e non supoñen un problema para as contas autonómicas. A mutualización proposta polo Goberno central esquiva o necesario debate acerca do financiamento e incrementa en 220 euros a débeda per cápita que lle corresponde a cada galego.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia