Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana resalta que Galicia demandará un dos tres bancos de probas transfronteirizos para vehículos autónomos

 

  • A conselleira de Economía e Industria advertiu en Bruxelas que as medidas do novo plan sectorial presentado pola Comisión Europea deben aplicarse “coa máxima celeridade e de forma inmediata”, ao consideralo de emerxencia
  • Matizou que non se pode perder tempo en desenvolvementos regulatorios que dilaten a aplicación durante meses ou anos
  • María Jesús Lorenzana valorou positivamente a prioridade que lle da a Comisión Europea á fabricación de baterías e de compoñentes en Europa, polos efectos para atraer investimentos a territorios con fortes capacidades no sector como Galicia
  • Tamén considerou axeitado que se vaian impulsar o hidróxeno e os combustibles alternativos, pero dando “apoio aos proxectos de produción e non só aos de recarga e repostaxe”

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, advertiu en Bruxelas da necesidade de que as medidas recollidas no novo plan para o sector da automoción que presentou a Comisión Europea se apliquen “coa máxima celeridade” e “de forma inmediata”. “Consideramos que é un plan que se necesitaba con carácter de emerxencia, non só de urxencia”, dixo a conselleira logo de darse a coñecer o contido desta nova planificación sectorial a nivel europeo.

“Aínda que cremos que tardou, valorámolo positivamente”, enfatizou Lorenzana, para advertir, non obstante, que non se pode perder tempo en desenvolvementos regulatorios. “Non pode ser que o plan agora mesmo se comunique para comezar a facer desenvolvementos regulatorios e que logo a súa aplicación leve meses e anos, senón que temos que tentar que se execute de forma inmediata”, aseverou.

En relación ás medidas que contén, considerou “moi interesante” que se vaian establecer, polo menos, tres bancos de probas transfronteirizos para vehículos autónomos. “Queremos loitar por un banco de probas para Galicia e o Norte de Portugal”, dixo, aludindo ás capacidades do CTAG e de todo o sector galego da automoción.

APOIO PARA OS PROXECTOS DE PRODUCIÓN

Tamén valorou positivamente que se entenda como prioritario a fabricación de baterías e de compoñentes en Europa porque os programas europeos e de apoio poden ser moi interesantes para atraer investimentos a territorios como Galicia, sinalou. De igual xeito, tamén mencionou o feito de que se vaia impulsar o hidróxeno e os combustibles alternativos pero, ao respecto, considerou fundamental dar apoio aos proxectos de produción e non só aos de recarga e repostaxe.

Por outra banda, cualificou de adecuada a medida de continuar incentivando a demanda do vehículo eléctrico en Europa, apoiando ás persoas con menos recursos e os cambios nas flotas corporativas. A conselleira de Economía e Industria concluíu reiterando a importancia da celeridade nestas medidas e de efectuar cambios nas normativas que regulan a implantación dos proxectos industriais en Europa para recortar os prazos.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia