Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda traslada o compromiso de diálogo e cooperación entre Galicia e Arxentina para o fortalecemento empresarial mutuo e o reforzo das relacións institucionais

  • No inicio da súa visita ao país, o presidente da Xunta mantivo un encontro co xefe do Gabinete de Ministros, Guillermo Francos, e co embaixador de España na Arxentina, Joaquín de Arístegui
  • Rueda avogou pola colaboración en investimentos e en desenvolvemento empresarial, e enxalzou o potencial económico de Galicia e as oportunidades profesionais que ofrece
  • Salientou as políticas pioneiras de retorno que impulsa a Xunta a través da Estratexia Galicia Retorna, que busca facilitar o regreso de 30.000 galegos do exterior ata 2026
  • Alfonso Rueda lembrou a importancia de coidar as relacións institucionais entre España e Arxentina, país no que residen máis de 181.000 galegos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, iniciou a súa terceira viaxe pola Arxentina cun encontro co xefe do Gabinete de Ministros, Guillermo Francos, e co embaixador de España na Arxentina, Joaquín de Arístegui, aos que trasladou o compromiso de Galicia en cooperar e dialogar con este país para fortalecer ao tecido empresarial de ambas rexións e reforzar as relacións institucionais.

Durante a súa xuntanza co xefe do Gabinete de Ministros, Rueda salientou a importancia de estreitar as relacións económicas cunha terra á que Galicia está unida por lazos históricos e na que viven máis de 181.000 galegos. O presidente da Xunta apostou pola colaboración en materia de investimento e desenvolvemento empresarial e lembrou o potencial económico de Galicia e as oportunidades profesionais que ofrece tanto ás empresas arxentinas que aposten por investir na Comunidade coma para os galegos que desexen regresar á súa terra.

Nesta liña, Alfonso Rueda presentou a Guillermo Francos as principais claves da Estratexia Galicia Retorna, que busca facilitar o regreso de 30.000 galegos do exterior ata 2026 e que reforza a condición da Comunidade como rexión pioneira en políticas de retorno. Un paquete de medidas que inclúe desde axudas directas para afrontar os primeiros gastos de instalarse en Galicia ata bolsas para estudar mestrados ou FP na Comunidade ou programas específicos para facilitar o emprendemento ou a inserción laboral.

RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Na primeira xornada da viaxe, o presidente da Xunta tamén se reuniu co embaixador de España na Arxentina para avaliar o papel de apoio desta institución á Comunidade galega no país. Ao remate do encontro, no que estivo acompañado do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, Rueda lembrou a importancia de coidar as relacións institucionais entre ambos países xa que “centos de miles de galegos” viven na Arxentina en contacto coas súas institucións.

Ademais, o titular do Goberno galego tivo palabras para “agradecer o labor diplomático español” á hora de representar á potente colectividade galega do país e sinalou a importancia de traballar para seguir mellorando as relacións entre Galicia e Arxentina.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia