Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Alfonso Rueda afirma que as empresas familiares son a base da economía galega e o mellor exemplo de que é posible medrar e ser un referente “desde a terra e sen esquecer as raíces”

  • Na clausura da Asociación Galega de Empresa Familiar, agradeceu a estas compañías o seu compromiso co territorio e con trasmitir valores que identifican aos galegos: “A confianza, a estabilidade, a prudencia, a cultura do esforzo e a responsabilidade”
  • Lembrou que nove de cada dez empresas galegas teñen base familiar, representan o 86% do PIB autonómico e xeran 600.000 postos de traballo en toda a Comunidade
  • O presidente da Xunta apelou á necesidade de conseguir a competencia para outorgar permisos de traballo vinculados á residencia, xa que “fará que todo sexa máis entendible, máis aceptable e máis beneficioso para todos”
  • O Goberno galego vén de constituír a Mesa do Diálogo Social para afrontar retos como o absentismo laboral, a cobertura de vacantes ou a remuda xeracional

Durante a súa intervención na clausura da XXVI Asemblea xeral da Asociación Galega de Empresa Familiar, na que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o presidente da Xunta destacou o papel das empresas familiares na economía galega ao lembrar que son a base do tecido produtivo autonómico e o mellor exemplo de que é posible medrar e converterse nun referente “desde a terra e sen esquecer as raíces”. Neste sentido, Alfonso Rueda engadiu que “ter esa identidade e ese apego á terra é un valor importantísimo que nós queremos conservar”. O presidente da Xunta agradeceu a estas compañías o seu compromiso co territorio e por transmitir valores que se corresponden co que identifica aos galegos como pobo: “a confianza, a estabilidade, a prudencia, a cultura do esforzo e a responsabilidade”.

No acto lembrou que nove de cada dez empresas galegas teñen base familiar, que representan o 86% do PIB autonómico e que xeran 600.000 postos de traballo en toda a Comunidade: “Todo o apoio que lles poidamos ofrecer será en beneficio mutuo; das súas empresas, de tantos traballadores, do tecido económico galego e tamén da nosa identidade”, apuntou. Por iso, asegurou que na Xunta sempre van contar cun aliado: “Se vos vai ben, a Galicia tamén”, indicou.

Nesta liña apostou pola escoita activa, o diálogo social e a colaboración público-privada para seguir avanzando. Así, a semana pasada consolidouse de xeito formal a Mesa do Diálogo Social de Galicia na que todos os axentes traballarán “man a man” para facer fronte aos actuais retos do sector como a mellora do benestar laboral e a redución do impacto do absentismo, a cobertura de vacantes, a necesidade dunha formación para o emprego máis flexible ou a remuda xeracional. Neste sentido, Rueda apelou á necesidade de conseguir a competencia para outorgar permisos de traballo vinculados á residencia, xa que “fará que todo isto sexa máis entendible, máis aceptable e máis beneficioso para todos”.

Por último, o presidente da Xunta fixo tamén fincapé na necesidade de aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías, ver a intelixencia artificial ou a dixitalización como unhas aliadas, e apostar pola innovación tamén desde o sector privado para mellorar a competitividade das compañías galegas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia