Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A cadea forestal-madeira consolídase como un dos grandes motores industriais de Galicia: 2.500 millóns de facturación, 19.400 empregos, 3.300 empresas e unha achega do 1,7% do PIB galego

  • O `Informe da cadea forestal madeira 2025´, elaborado por Xera en colaboración coa Escola de Enxeñería Forestal da Uvigo, detecta actividade no 95% dos concellos galegos
  • En 2025, Galicia aproveitou case 11 millóns de metros cúbicos de madeira, o que supón máis do 50% do volume total aproveitado en España
  • Alfredo Fernández, director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), asegurou na presentación do Informe que Galicia é “unha das rexións europeas máis avanzadas en mecanización de corta e extracción”
  • Precisou que nalgúns municipios da Comunidade esta actividade chega a representar ata o 50% do emprego industrial, “reforzando o seu papel no reequilibrio territorial”
  • O director de Xera lembrou que entre 2018 e 2026 o Goberno galego destinou 110,5 millóns de euros para axudas ó sector, cun investimento inducido de 200 millóns

A Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) presentou en Santiago o `Informe da cadea forestal madeira 2025´, elaborado en colaboración coa Escola de Enxeñería Forestal da Universidade de Vigo, e que lle asigna ao sector unha achega económica e laboral que supera as 3.300 empresas e que representa o 1,7% do PIB galego. Na presentación deste estudo sectorial participaron o director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández; o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco; e a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro.

Alfredo Fernández explicou que a cadea forestal-madeira consolídase como un dos principais sectores industriais da Comunidade, ao liderar a produción forestal en España, cunha facturación no 2025 de case 2.500 millóns de euros e ter presencia no 95% dos concellos galegos. Do informe despréndese que, o ano pasado, Galicia aproveitou case 11 millóns de metros cúbicos de madeira, o que supón máis do 50% de toda a madeira aproveitada en España, afianzándose, deste xeito, “como unha das rexións europeas máis avanzadas en mecanización de corta e extracción”, sinalou o director de Xera.

En canto ao emprego, as catro ramas principais da cadea de valor (silvicultura e explotación forestal, industria da madeira, industria do papel e fabricación de mobles) suman máis de 19.400 afiliados á Seguridade Social; unha cifra á que habería que engadir os profesionais autónomos e todos os traballadores que teñen a afiliación vinculada a algunha das actividades restantes da cadea como a produción de enerxía, o transporte ou a construción. Segundo explicou o director xeral, “nalgúns municipios chega a representar ata o 50% do emprego industrial, reforzando o seu papel no reequilibrio territorial”, destacou.

Por outra banda, no 2025 as exportacións superaron os 1.200 millóns de euros e o sector aportou máis do 4% do comercio exterior e intracomunitario de Galicia, o que demostra unha clara vocación internacional. Ademais, Alfredo Fernández apuntou que se trata dunha industria tractora para avanzar cara a descarbonización e a transición verde, posto que a madeira xoga un papel estratéxico como material clave para a transición ecolóxica.

PLAN  FORESTAL E PLAN DIRECTOR

Durante a presentación do informe, o director xeral da Axencia Galega da Industria Forestal sinalou que o Goberno galego está a estruturar a súa política forestal-industrial en base a dous instrumentos fundamentais, que son o Plan Forestal de Galicia e o Plan Director do Sector Forestal-Madeira que “busca reforzar a dixitalización, a sustentabilidade, a competitividade, a innovación, o investimento industrial e o talento”, citou.

Mostra do compromiso da Xunta co sector, entre 2018 e 2026 o Goberno galego destinou 110,5 millóns de euros para axudas ó sector, o que supuxo un investimento inducido de 200 millóns. Finalmente, o documento presentado pon en valor que este sector estabilizou a súa actividade en niveis altos, e consolidouse como unha industria estratéxica, exportadora e intensiva na creación de emprego.

No mesmo acto, a directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Luisa Piñeiro, destacou a importancia do sector forestal en Galicia, considerado un eido produtivo “estratéxico”. Así, puxo en valor a relevancia deste informe, tanto para a Administración pública como para o ámbito empresarial, á hora de obter un diagnóstico do sector e poder avaliar as súas oportunidades de cara o futuro.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia