Consellería de Economía e Industria
A Xunta impulsa o emprego da madeira no sector da construción como elemento clave na xeración de valor dos recursos forestais

- O director de Xera, Alfredo Fernández, destaca as posibilidades que se abren tanto en obra nova como en rehabilitación cun elemento “que vai xogar un papel fundamental para axudar no proceso de descarbonización da edificación”
- O convenio entre a Axencia Galega da Industria Forestal e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia formou en rehabilitación de estruturas de maderia a máis de 160 profesionais do sector
No transcurso dunha visita ao Parque Tecnolóxico de Galicia para participar no acto de peche do curso `Rehabilitación de estruturas de madeira´, organizado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) no marco do acordo de colaboración asinado coa Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) en 2019, o director desta entidade, Alfredo Fernández, lembrou as posibilidades que se abren para o sector forestal co emprego da madeira no eido da construción, tanto en obra nova como en rehabilitación. “Un elemento que se pode reutilizar e reciclar e que vai xogar un papel fundamental para axudar no proceso de descarbonización do sector da edificación”, apuntou.
Nete acto que tivo lugar nas instalacións do Centro de Innovación e Servizos da Madeira (CIS-Madeira), Fernández Ríos indicou que a Administración galega e o COAG levan máis dun lustro colaborando para “promover a formación, a transferencia e difusión do coñecemento en materia de construción e rehabilitación con madeira”. Unha labor que se complementa coa divulgación de obras exemplares.
O director da Axencia Galega da Industria Forestal pechou a súa intervención lembrando o compromiso do Goberno galego para incorporar de xeito progresivo o emprego da madeira nas edificacións que promova ou execute a Administración pública e ata acadar o 20%. Un obxectivo para o que se chegou a acordos de colaboración entre organismos públicos como o subscrito entre Xera e o Sergas, ou entre a propia Xera e a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e o Instituto Galego de Vivenda (IGVS).
Pola súa banda, o convenio suscrito co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia está a permitir a organización de actividades formativas en edificación, rehabilitación e sustentabilidade no emprego da madeira, como a que tivo lugar esta semana na Tecnópole de San Cibrao das Viñas (Ourense) coa participación de máis de 160 profesionais da arquitectura galega.
Logo de 8 sesións eminentemente teóricas, preto dunha trintena de alumnos tiveron ocasión de participar nun taller práctico impartido por técnicos do CIS-Madeira sobre exemplos de intervención en estruturas de madeira. Así puideron aprender como reforzar unha viga mediante o uso de diferentes técnicas e mesmo coñecer materiais accesorios e habituais na rehabilitación deste tipo de elementos.

























