Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda enxalza as empresas familiares como “piares fundamentais” da economía galega e “embaixadores” de Galicia polo mundo

.Na entrega do `XVIII Premio Familia Empresaria de Galicia´, concedido a Hierros Añón, o presidente da Xunta precisou que este tipo de compañías representan o 92% do tecido produtivo galego e xeran o 85% de emprego

.Salientou a aposta do Goberno galego para atraer investimentos estratéxicos e apoiar “aos que moven o país e xeran riqueza”

.Enumerou iniciativas como a simplificación administrativa e o asesoramento personalizado na Oficina Económica de Galicia, a oferta de solo industrial a custo cero nos primeiros 8 anos e o uso da IA nas oficinas de emprego para casar oferta e demanda

.Alfonso Rueda indicou que compañías como a galardoada Hierros Añón son un exemplo de que “é posible medrar sen esquecer as orixes e a esencia”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o papel das empresas familiares na construción dunha Galicia próspera e puxante ao ser un dos piares fundamentais da economía galega e exercer de embaixadores da comunidade polo mundo a través dos seus produtos e servizos. “Representan a marca Galicia a nivel internacional e isto é fundamental e temos que coidalo”, indicou durante a entrega do `XVIII Premio Familia Empresaria de Galicia´. Neste acto, no que estivo acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, o presidente da Xunta lembrou que máis do 92% das empresas que hai na Comunidade son familiares e que xeran o 85% do emprego.

Ademais, Rueda fixo fincapé en que este tipo de compañías caracterízanse polo compromiso e arraigo pola terra e puxo de exemplo a Hierros Añón, a galardoada deste ano. “É a mostra de que é posible medrar sen esquecer as raíces e a esencia”, resaltou.

IA NAS OFICINAS DE EMPREGO

Na súa intervención, salientou a aposta que está a realizar a Xunta desde hai tempo para atraer investimentos estratéxicos á comunidade e por apoiar “aos que moven o país e xeran riqueza” a través da simplificación administrativa e o asesoramento personalizado na Oficina Económica de Galicia, de ofrecer solo industrial a custo cero durante os primeiros oito anos, reforzando nun 45% -ata os 152 millóns de euros- o orzamento en 2025 para apoiar a pemes e autónomos ou utilizando a intelixencia artificial nas oficinas de emprego para casar a oferta coa demanda das empresas.

GRUPO SIDERÚRXICO CON 2.500 EMPREGADOS

O presidente da Xunta recoñeceu o traballo e compromiso da familia Añón -galardoada co premio deste ano- para converter Hierros Añón nun referente internacional. A compañía coruñesa é na actualidade un conglomerado siderúrxico internacional formado por 20 empresas, 33 centros loxísticos e oito plantas de produción que conta con 2.500 empregados.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia