Consellería de Economía e Industria
A Xunta sitúa a innovación e a cooperación público-privada como pancas para mellorar a competitividade e abrir novas vías de negocio en Galicia
-
A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou no Centro de Innovación da FP Eduardo Barreiros o compromiso do Goberno galego coa creación de oportunidades para emprendedores e pemes
-
Enxalzou o rol da rede galega de bussines factories, coas aceleradoras verticais no sector da automoción, aeroespacial e alimentación ou coa nova aceleradora no ámbito da economía circular e das solucións ambientais
-
No foro Modiña Lab puxo en valor a Oficina Económica de Galicia como punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais, e como nova forma de relacionarse co tecido empresarial galego
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou no Modiña Lab, un evento centrado no mundo da moda e na súa relación co impulso da innovación e o emprendemento en Galicia e que tivo lugar no Centro da Innovación da Formación Profesional, Eduardo Barreiros, en Ourense. Este foro reúne aos principais axentes do ecosistema galego de innovación para abordar estratexias de modernización e apoio á industria, especialmente na área téxtil. Un marco no que Toca Carús puxo en valor a importancia de seguir promovendo a innovación e a colaboración público-privada para impulsar a competitividade e novas oportunidades de negocio en Galicia.
Neste contexto, a directora do Igape resaltou o papel da nova Oficina Económica de Galicia como canle única destinada a reducir a burocracia administrativa, e que actúa como punto de contacto de información e entrada para as iniciativas empresariais e proxectos industriais, facilitando información, asesoramento, acompañamento, apoio e acceso a financiamento; contando con persoal especializado de todas as áreas, entre elas a industrial.
Esta Oficina, que suma máis de 10.000 consultas atendidas desde a súa posta en marcha, ofrece así unha nova forma de relacionarse co tecido empresarial galego, permitindo reducir os tempos de tramitación tanto dos expedientes administrativos como dos pagos.
Así mesmo, durante a súa intervención, Toca Carús fixo fincapé no compromiso do Goberno galego coa creación de oportunidades para emprendedores e pemes, enxalzando a importancia da rede galega de bussines factories na que destacan as aceleradoras verticais no sector da automoción (BFAuto), aeroespacial (BFAero), no sector da alimentación (BFFood) ou a nova aceleradora no ámbito da economía circular e as solucións ambientais (BFClima Tech); e tamén VíaGalicia, emprendemento innovador multisectorial, especialmente no ámbito das TIC, agroalimetario ou téxtil, en colaboración co Consorcio da Zona Franca de Vigo.