Consellería de Economía e Industria
Rueda compromete apoio e estratexias para “impulsar, fortalecer e consolidar a competitividade económica” de Galicia, como territorio confiabe para o tecido empresarial
-
Na clausura do X Encontro para Directivos/as Líderes `100 Consellos Santander´, situou como prioridades da Xunta para 2025 o respaldo ao tecido empresarial galego e o fomento de proxectos de colaboración público-privada para potenciar o desenvolvemento económico da comunidade
-
Remarcou a iniciativa da Administración autonómica consistente en ofrecer máis de 500.000 metros cadrados de solo empresarial sen custo durante os primeiros oito anos, para fomentar o establecemento de novos proxectos e fortalecer a economía
-
O presidente da Xunta reafirmou a demanda do Corredor Atlántico de Mercadorías, a mellora do transporte público de viaxeiros e a conexión por alta velocidade con Portugal
-
Tamén incidiu na importancia de “non quedarse atrás” nas grandes oportunidades que ofrecen as enerxías renovables
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o compromiso do Goberno galego para impulsar, fortalecer e consolidar a competitividade económica da comunidade e seguir facendo dela unha terra confiable para o tecido empresarial. Así o expuxo durante a súa intervención no X Encontro para Directivos/as Líderes `100 Consellos Santander´, que se celebrou no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela. O titular do goberno galego foi o encargado de clausurar o acto, onde destacou que a comunidade galega é actualmente a segunda do país onde máis crece a confianza empresarial.
Neste sentido, Rueda enumerou un decálogo de obxectivos sobre os que a Xunta centrará o seu traballo para 2025, e entre os que destacan a “estabilidade, a prudencia orzamentaria, o apoio ao tecido empresarial e o impulso de proxectos de colaboración público-privada”. Así, resaltou que Galicia segue a ser das “primeiras comunidades en aprobar os seus orzamentos”, que este ano alcanzan un máximo histórico de 13.954 millóns de euros, cun enfoque que garante tanto o crecemento económico como a prudencia e solvencia das contas públicas.
Enxalzou tamén o labor da Oficina Económica de Galicia, cuxo orzamento se incrementará ata os 6 millóns de euros o próximo ano, como unha ferramenta fundamental para facilitar unha relación áxil e próxima coas empresas e que “ten o compromiso de que todos os proxectos empresariais que sexan declarados prioritarios estean tramitados no prazo máximo dun ano en todo o que dependa da Xunta”. Subliñou, ademais, a aposta da Administración autonómica por facilitar o acceso a solo empresarial, ofrecendo máis de medio millón de metros cadrados de forma gratuíta durante os primeiros oito anos, para fomentar o establecemento de novas iniciativas empresariais.
“DIÑEIRO EUROPEO RETIDO EN MINISTERIOS”
Durante a súa intervención, o presidente do Goberno galego reafirmou o compromiso da Xunta con iniciativas que favorezan a atracción de investimentos e a mellora da competitividade empresarial, como o aumento do financiamento para o Igape (ata os 278 M€), e volveu reclamar que “todo ese diñeiro europeo que a día de hoxe segue retido en moitos ministerios” se desbloquee canto antes: “Non ten sentido que moitos fondos europeos sigan esperando convocatorias; hai que seguir reclamando que cambie a xestión centralizada destes”, apuntou.
Coa vista posta no futuro, Alfonso Rueda tamén aproveitou para reclamar o apoio dos empresarios no ámbito das infraestruturas, poñendo como exemplo o tan demandado Corredor Atlántico de Mercadorías, a mellora do transporte público de viaxeiros ou a conexión por alta velocidade con Portugal. Así mesmo, avogou por “non quedarse atrás” nas grandes oportunidades que ofrecen as enerxías renovables. “Seremos escrupulosos pero, se os proxectos cumpren, faremos todo o posible para que os que están mirando cara Galicia decidan instalarse aquí”, indicou.