Consellería de Economía e Industria
Os orzamentos do Igape para 2025 medran un 20%, ata os 278 millóns, e impulsan un novo modelo de achegamento ás empresas para mellorar a súa competitividade e posicionamento exterior
-
Covadonga Toca presentou no Parlamento as contas do Instituto para o vindeiro ano, que permitirán “avanzar cara a unha Galicia máis competitiva, sostible e preparada para os desafíos globais”
-
Remarcou que os orzamentos reforzan as liñas de apoio á transformación dixital e tecnolóxica, o financiamento empresarial e a atracción de investimentos
-
Con máis de 10.000 consultas atendidas e unha dotación que sobe a 6,2M€, a Oficina Económica de Galicia configúrase como unha nova forma “máis áxil, máis próxima e máis sinxela” de relacionarse co tecido produtivo
-
O Igape asigna máis de 33 M€ a programas para fomento da competitividade empresarial, entre eles 12 M€ para a segunda edición do Atracción de Empresas e 10 M€ para proxectos de pemes galegas
-
Continuará o apoio á dobre transformación dixital e sostible, cun investimento de case 5M€, mentres que a liña específica de apoio ás startups galegas estará dotada con 1,5M€
-
No ámbito da innovación, créanse as novas liñas “Tickets Innova 25” e “Igape Innova”, e xurde unha con 10 M€ que estará centrada na implantación de tecnoloxías de Intelixencia Artificial (IA) no tecido produtivo
-
A financiamento empresarial o Igape destinará 152 M€, un 45,4% máis que no exercicio anterior, para poñer en marcha novos instrumentos financeiros en coordinación con fondos de Xesgalicia, mobilizando o gasto empresarial e impulsando o crecemento económico de Galicia
A directora do Igape, Covadonga Toca, presentou no Parlamento de Galicia os orzamentos do Instituto para 2025, que ascenden a 278M€. Esta cifra representa un incremento do 20% respecto ao ano anterior, porcentaxe que se traduce en máis recursos para impulsar un novo modelo de relacionarse co tecido empresarial galego, mellorando a competitividade, fortalecendo a súa presenza nos mercados internacionais, facilitando o acceso ao crédito e o impulso de novas iniciativas e potenciando a atracción de investimentos.
Neste marco, a Oficina Económica de Galicia reforza o seu orzamento ata acadar os 6,2M€, un 8,8% máis que no 2024, na procura de ofrecerlle ás empresas galegas “unha canle única, clara e definida para o asesoramento e apoio”, salientou a directora do Igape. Con máis de 10.000 consultas atendidas ata a data, a Oficina configúrase como unha nova forma de relacionarse co tecido produtivo, de xeito máis áxil, máis próximo e máis sinxelo.
MÁIS DE 33 MILLÓNS PARA MELLORA DA COMPETITIVIDADE
Para 2025, o Instituto asigna máis de 33M€ a programas destinados a apoiar a competitividade empresarial, entre os que destaca a segunda edición do programa de Atracción de Empresas, con 12M€ para proxectos significativos en xeración de riqueza e emprego. Ademais, destínanse 10M€ a proxectos de menor volume, orientados ás pemes galegas.
O Igape continúa apoiando a dobre transformación dixital e sostible, con case 5M€ destinados a diferentes programas. Entre eles, 3M€ para proxectos de transformación dixital e 1M€ para obradoiros multidisciplinares, e destínase outro millón de euros para programas de impulso á sostibilidade que priorizarán proxectos ASG (Ambientais, Sociais e de Gobernanza).
E como parte do seu compromiso co emprendemento e a innovación, o Igape lanza unha nova edición da liña específica de apoio ás startups galegas, que conta cunha dotación de 1,5M€, co obxectivo de fomentar a creación de novos modelos de negocio e emprego.
DEZ MILLÓNS PARA INTELIXENCIA ARTIFICIAL
“A competitividade conduce á innovación empresarial” proseguiu Toca Carús, resaltando o compromiso do Igape neste campo, materializado nunha nova área de innovación, que ten por obxectivo “promocionar o ecosistema de innovación empresarial de Galicia”.
Neste eido, lanzaranse novas liñas de apoio destinadas á xestión da innovación e ao deseño de produtos innovadores, como o programa “Ticket Innova 25”, que contará cun millón de euros para facilitar o acceso á certificación en innovación, ou a liña “Igape Innova”, con 4M€ para proxectos de investimento en innovación empresarial. Neste marco, o Igape asignará máis de 10M€ á implantación de tecnoloxías de Intelixencia Artificial, e 2,3M€ a un novidoso proxecto para o vindeiro ano, que é a creación de espazos colaborativos de datos.
Así mesmo, o Igape continuará apoiando o ecosistema de emprendemento en Galicia cunha dotación de 7M€ para a súa rede de business factories, que no 2025 expandirase con tres novas aceleradoras enfocadas en Saúde e Benestar, Industria do Deporte e Enerxías Renovables.
REFORZO DA INTERNACIONALIZACIÓN
A directora do Igape sinalou o compromiso coa saída ao exterior das empresas galegas que está a permitir acadar rexistros históricos nas vendas ao exterior. Sobre esta base, no 2025 o Igape destina 14M€ á internacionalización, un orzamento que permitirá dar continuidade a programas como o Galicia Exporta Empresas, o Galicia Exporta Organismos Intermedios e o Galicia Exporta Dixital. Ademais, en colaboración coas cámaras de comercio galegas, o Igape tamén renovará o Plan Foexga.
Como parte da estratexia de expansión, o Igape abrirá en 2025 novas antenas en mercados clave de América Latina e Asia, que se suman ás recentes aperturas en Xapón e Emiratos Árabes. Estas oficinas serán unha vía directa de apoio ás empresas galegas en mercados emerxentes, proporcionándolles un acompañamento especializado.
UN 45% MÁIS DE DOTACIÓN EN FINANCIAMENTO DE PEMES E AUTÓNOMOS
Un amplo abano de liñas e actuacións compleméntase cunha dotación moi relevante para facilitar o financiamento de pemes e autónomos, 152M€ en 2025, un 45,4% máis respecto ao ano anterior. Un incremento que permitirá poñer en marcha novos instrumentos financeiros en coordinación con fondos de Xesgalicia, co obxectivo de mobilizar o gasto empresarial e impulsar o crecemento económico de Galicia.
Destacan os préstamos directos, cunha partida de 50M€ para proxectos estratéxicos que favorezan a modernización tecnolóxica e teñan un impacto multiplicador na economía galega. Ademais, para as empresas beneficiarias de préstamos financiados por Xesgalicia ou fondos públicos nacionais, activarase unha nova liña de subvención de xuros, cun orzamento de 5M€, que permitirá bonificar ata 200M€ en préstamos, favorecendo así mellores condicións financeiras das empresas galegas.
E o Fondo de Transición Xusta contará con máis de 52M€, dirixidos a financiar proxectos de investimento en A Coruña que xeren emprego e diversifiquen a economía local, con préstamos parcialmente reembolsables que combinan subvencións a fondo perdido e préstamos, destinando 37M€ para grandes empresas e 14 M€ para pemes.
A maiores, o Igape destina 14M€ para continuar cos convenios con entidades financeiras e sociedades de garantía recíproca (SGR), que permitirán mobilizar 150M€ en financiamento para pemes, facilitando o acceso ao crédito e reforzando a solvencia das pequenas e medianas empresas galegas.
Deste xeito, concluíu Toca Carús, “estas contas están deseñadas para fortalecer o tecido produtivo galego, apoiar a transformación dixital e potenciar a nosa presenza no mercado global, convertendo Galicia nun referente industrial e económico”.