Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta reforza a colaboración entre Galicia e Arxentina en innovación, emprendemento e impulso de proxectos empresariais e tecnolóxicos

  • A directora do Igape, Covadonga Toca, visitou o Parque de Innovación de Bos Aires e participou na presentación de Mindtech 2027, a feira internacional de industria e tecnoloxía que albergará Vigo en abril
  • Nesta primeira xornada da súa viaxe abordou as oportunidades que abre o novo escenario de relacións entre a UE e o Mercosur para favorecer os intercambios comerciais, investimentos e alianzas empresariais
  • Nese ámbito incide a recentemente aprobada Estratexia de internacionalización das empresas galegas que, entre outras actuacións, promoverá a apertura de novas antenas do Igape en Arxentina e Brasil

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca Carús, visitou o Parque de Innovación da Cidade Autónoma de Bos Aires, no marco da viaxe institucional que está a realizar a Arxentina e Uruguai. Durante a visita, coñeceu este espazo de referencia en ciencia, tecnoloxía e emprendemento, que promove a conexión entre empresas, universidades e centros de investigación para favorecer o desenvolvemento de novos proxectos innovadores.

Posteriormente, a directora do Igape mantivo nas instalacións do parque unha reunión institucional con Hernán Lombardi, ministro de Desenvolvemento Económico da Cidade de Bos Aires, na que se abordaron novas oportunidades para reforzar a colaboración entre Galicia e Arxentina, especialmente nos ámbitos da innovación, o emprendemento e o desenvolvemento de proxectos empresariais e tecnolóxicos.

A axenda continuou coa participación no encontro Networking Internacional: Conectando Industrias Globales, organizado pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), no que se presentaron as oportunidades que ofrecerá Mindtech 2027, a feira internacional de industria e tecnoloxía que se celebrará en Vigo o vindeiro mes de abril. A xornada serviu para favorecer os contactos entre empresas galegas e arxentinas, e para explorar novas posibilidades de cooperación industrial.

Neste contexto, Covadonga Toca destacou os vínculos históricos, culturais e económicos que unen Galicia e Arxentina, así como as oportunidades que abre o novo escenario de relacións entre a Unión Europea e o Mercosur para favorecer os intercambios comerciais, os investimentos e as alianzas empresariais. Un ámbito no que incide a nova Estratexia de internacionalización das empresas galegas aprobada esta mesma semana polo Consello da Xunta e dotada con 160 millóns de euros para, entre outras actuacións, a apertura de novas antenas empresariais do Igape en Arxentina e Brasil para reforzar a presenza das empresas galegas nestes mercados e acompañalas na busca de novas oportunidades de negocio.

 

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia