Consellería de Economía e Industria
Alfonso Rueda enxalza o sector da pizarra como motor de desenvolvemento económico “e símbolo de tradición e alma da comarca de Valdeorras e de toda Galicia”

- Na entrega dos II Premios Pioneiros da Pizarra incidiu na cooperación entre a industria extractiva e a arquitectura para avanzar cara a unha construción eficiente, sustentable e de calidade
- O presidente da Xunta puxo en valor a capacidade desta industria para xerar postos de traballo estables, atraer poboación ás comarcas produtoras e proxectar a imaxe de Galicia no exterior a través da exportación
- Ademais destacou a versatilidade “dun material ligado á paisaxe galega que tamén se adapta ás novas solucións construtivas”, en referencia á lousa
- Entre os galardoados desta segunda edición dos premios están a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, o Consello Galego da Arquitectura Técnica e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
No acto de entrega dos II Premios Pioneiros da Pizarra, impulsados polo clúster deste sector, o presidente da Xunta puxo en valor a contribución estratéxica da lousa ao desenvolvemento económico e social de Galicia. “Creo que poucas cousas expresan a tradición, a alma e a Galicia Calidade dunha comarca como a de Valdeorras e de toda a Comunidade como a lousa”, expresou Alfonso Rueda.
Durante o acto, ao que tamén asistiu a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o presidente da Xunta trasladou os seus parabéns aos galardoados desta segunda edición, como son a Escola Universitaria de Arquitectura Técnica e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, o Consello Galego da Arquitectura Técnica e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Ademais, rendeuse homenaxe aos once expresidentes do Clúster da Pizarra de Galicia, da Asociación Nacional de Colocadores de Pizarra e da Asociación Nacional de Pizarra, polo seu labor histórico a prol da consolidación da actividade.
Na súa intervención, o titular do Executivo galego incidiu na importancia da cooperación entre a industria extractiva e a arquitectura para avanzar cara a unha construción eficiente, sustentable e de calidade. Neste sentido, destacou a versatilidade dun material ligado á paisaxe galega que tamén se adapta ás novas solucións construtivas, “porque a boa arquitectura necesita bos materiais como os que aquí temos, como é o caso da lousa”, apuntou.
SEGURIDADE E RESPECTO AMBIENTAL
Alfonso Rueda fixo especial fincapé no peso desta actividade na comarca de Valdeorras e no conxunto da provincia de Ourense, lembrando que a industria da lousa permite ofrecer oportunidades laborais, ao tempo que aposta pola seguridade e o respecto ambiental. Así, puxo en valor a capacidade desta industria para xerar postos de traballo estables, atraer poboación ás comarcas produtoras e proxectar a imaxe de Galicia no exterior a través da exportación.
























