Consellería de Economía e Industria
Os programas IA 360 e Igape Innova forman parte das 15 liñas de axudas da Xunta por importe de 172,6 millóns para promover a competitividade e a innovación, e para achegar financiamento a pemes e autónomos
-
A directora do Igape destaca que os apoios xa están activos desde esta semana e fixa como obxectivo dotar ás empresas “dos recursos necesarios para afrontar os retos globais e liderar a transición cara un futuro máis sustentable e tecnolóxico
-
Detalla que os novidosos programas IA 360 e Igape Innova, xa publicados no DOG, están encamiñados a incrementar o potencial de innovación mediante a intelixencia artificial e o deseño de produtos e servizos
-
Compleméntanse co Ticket Innova, igualmente recollido no DOG do luns, 13 de xaneiro, e que facilita o acceso a servizos de certificación, deseño industrial e tecnoloxías emerxentes
-
Covadonga Toca subliña a creación da área de innovación empresarial do Igape, que reforzará a colaboración entre centros tecnolóxicos, universidades e empresas
A directora do Igape, Covadonga Toca, enxalza a publicación das 15 liñas para a mellora da competitividade, a innovación e o financiamento de pemes e autónomos galegos, cun orzamento conxunto de 172,6 millóns de euros. Durante a súa intervención no II Foro Innovación Empresarial, que tivo lugar no Auditorio Municipal de Chantada no marco do programa Conecta Lugo -iniciativa da Xunta en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo-, definiu como “histórica” a convocatoria desas axudas orientadas a fortalecer o tecido empresarial galego.
As 15 liñas agrúpanse en tres grandes bloques: financiamento, competitividade e innovación. Tal e como indicou a directora do Igape, o obxectivo é dotar ás empresas “dos recursos necesarios para afrontar os retos globais e liderar a transición cara a un futuro máis sustentable e tecnolóxico”.
Neste contexto, Covadonga Toca subliñou a importancia dos novos programas IA 360 e Igape Innova, publicados esta mesma semana no Diario Oficial de Galicia (DOG), e que constitúen unha aposta decidida pola modernización e transformación dixital do tecido empresarial galego.
PROGRAMAS IA 360 E IGAPE INNOVA
O programa IA 360 está deseñado especificamente para fomentar a adopción da intelixencia artificial nas empresas. Cun orzamento de 10,2 millóns de euros ofrece financiamento para tres áreas clave: para iniciativas de desenvolvemento tecnolóxico baseadas en IA, para a implantación de solucións comerciais que integren intelixencia artificial nos seus procesos, e para a formación do persoal das empresas co obxectivo de garantir unha adaptación efectiva ás novas tecnoloxías.
Pola súa banda, o programa Igape Innova, cunha dotación de 4 millóns de euros, céntrase no impulso da modernización dos procesos empresariais e o desenvolvemento de novos produtos e servizos. A liña, explicou Toca Carús, dá prioridade ao deseño sustentable e á transformación dixital, aspectos clave para que as pemes galegas poidan competir nun mercado global cada vez máis esixente.
Ambos programas compleméntanse, no ámbito da innovación, co Ticket Innova, publicado igualmente no DOG do pasado luns, 13 de xaneiro. Facilita o acceso a servizos de certificación, deseño industrial e tecnoloxías emerxentes ás empresas que están a comezar o seu camiño na innovación.
Neste marco, a directora destacou tamén a creación da área de innovación empresarial no Igape, que potencia a colaboración entre centros tecnolóxicos, universidades e empresas, garantindo que o coñecemento xerado se converta en solucións aplicables ao mercado: “A innovación é a chave para liderar os mercados e transformar os retos globais en oportunidades”, asegurou.
O II Foro Innovación Empresarial contou coa participación de expertos como Xavier Marcet, que abordaron o papel do talento e a innovación na transformación territorial, consolidándose como un espazo clave para impulsar o futuro do tecido empresarial galego.