Consellería de Economía e Industria
Pemes e autónomos xa poden solicitar o Bono Enerxía Peme para proxectos de mellora da eficiencia enerxética en negocios e empresas do sector servizos
-
Esta liña da Xunta a través do Inega conta cun orzamento de 2,5 millóns, coa previsión de chegar a máis de 600 autónomos e pemes, de xerar aforros de ata 2.800 Mwh/ano e de aforrar medio millón de euros na factura eléctrica
-
Ademais contribuirá a reducir en 850 toneladas/ano as emisións de CO2, cifra equivalente a plantar 42.800 árbores
-
O Bono Enerxía Peme cobre os custos de asesoramento enerxético profesional, a mellora de envolventes, da iluminación, das instalacións eléctricas, o equipamento, a climatización e as instalacións inmóticas para xestionar a enerxía e o gasto cun modelo máis eficiente
-
A intensidade das axudas será do 80%, ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo
-
En cinco anos, a Xunta leva investidos neste programa de axudas máis de 13 millóns de euros e apoiado 3.100 actuacións de eficiencia e aforro de enerxía
As axudas do Bono Enerxía Peme que convoca a Xunta a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) para apoiar proxectos de mellora da eficiencia enerxética en negocios e empresas do sector servizos xa están dispoñibles desde o 17 de xaneiro. Trátase da quinta convocatoria deste programa de axudas que este ano conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros e que ten a previsión de chegar a máis de 600 autónomos e pemes galegos e de xerar aforros enerxéticos de ata 2.800 MWh/ano e económicos de 0,5 millóns de euros ao ano na factura eléctrica. Ademais, con esta liña de apoios espérase contribuír á redución de emisións de 850 toneladas de CO2 ao ano, o equivalente a plantar 42.800 árbores, así como tamén á creación ou mantemento de 49 postos de traballo.
O Bono Enerxía Peme subvenciona os custos de asesoramento enerxético profesional, a mellora de envolventes mediante elementos de control solar, da iluminación, das instalacións eléctricas, o equipamento, a climatización e as instalacións inmóticas para xestionar a enerxía e o gasto de xeito máis eficiente. En definitiva, para impulsar a eficiencia das empresas vinculadas ao sector servizos.
O investimento mínimo para poder acceder a estas axudas é de 1.000 euros e a intensidade do apoio será do 80%, ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo. E, no caso de que a solicitude se faga exclusivamente para poder recibir asesoramento enerxético, é dicir, tanto diagnoses como auditorías enerxéticas co obxectivo de que os beneficiarios conten cunha visión profesional para identificar posibilidades de optimización do seu consumo e de adecuación da contratación das súas subministracións enerxéticas ao escenario actual, o investimento mínimo por solicitude establécese en 200 euros (sen IVE).
ANTICIPOS SEN AVAIS
A orde tamén contempla a posibilidade de que os solicitantes pidan un anticipo de ata o 50% da axuda sen necesidade de presentar avais. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega.
Esta iniciativa do Goberno galego pretende concienciar á sociedade da importancia do aforro e da eficiencia enerxética, pero tamén diminuír o consumo de enerxía e reducir a factura eléctrica de pemes e autónomos, aumentando a súa competitividade. En definitiva, un dos grandes obxectivos é avanzar cara á descarbonización e depender menos dos combustibles fósiles. O programa de axudas permitiu impulsar máis de 3.100 actuacións cun orzamento que xa supera os 13 millóns de euros.