Consellería de Economía e Industria
A Xunta inicia a tramitación do novo Plan sectorial eólico de Galicia, que regulará o “obxectivo irrenunciable” da diminución da factura eléctrica para os fogares e as empresas
-
Alfonso Rueda destacou que o novo PSEG “actualizará” o documento en vigor “elaborado hai máis de 20 anos”, coa previsión de “licitar o contrato para a súa redacción no primeiro semestre de 2025”
-
O presidente da Xunta incidiu en que o Plan que agora inicia a súa tramitación permitirá “seguir avanzando no despregamento da enerxía eólica, ao tempo que se abarata o prezo eléctrico para as empresas e os consumidores galegos”
-
Matizou que estará en liña coa nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia e coas iniciativas incluídas na Lei de medidas
-
O inicio da tramitación coincidirá coa posta en marcha de dúas mesas de traballo cos axentes sociais e coas entidades do sector para consensuar as principais directrices
-
Traballarase en eixos como as posibilidades de creación dunha industria de compoñentes, a análise das zonas con potencial eólico, as repercusións da repotenciación para os propietarios dos terreos, a redución dos custos enerxéticos para os consumidores e o mantemento e creación de emprego
-
María Jesús Lorenzana avanzou que Galicia poderá contar cun novo plan sectorial “no prazo de tres anos”, logo dun “procedemento transparente, aberto á cidadanía e que require de avaliación ambiental estratéxica e de consulta e audiencia a todos os posibles actores interesados no procedemento”
O Consello da Xunta aprobou o inicio da tramitación do novo Plan sectorial eólico de Galicia (PSEG) coa finalidade de “actualizar” o documento actual, “elaborado hai máis de 20 anos” e coa previsión de “licitar o contrato para a súa redacción no primeiro semestre deste ano”, explicou o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda. Este Plan, en liña coa nova Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia e coas iniciativas incluídas na Lei de medidas, permitirá seguir avanzando no despregamento desta fonte de enerxía renovable ao tempo que se abarata o prezo eléctrico para as empresas e os consumidores galegos. Rueda asegurou que se enmarca no obxectivo de Galicia de “apostar polas enerxías limpas” que supoñen “unha oportunidade” que a comunidade “non pode deixar pasar”.
Así mesmo, e de xeito paralelo, avanzou que a Xunta “porá en marcha dúas mesas de traballo” cos axentes sociais e coas entidades do sector co fin de consensuar os principais puntos que deberá integrar o novo plan. A elaboración do novo Plan sectorial eólico de Galicia obedece á necesidade de adaptar a realidade galega ás últimas modificacións lexislativas europeas ao tempo que se dota de seguridade xurídica adicional o desenvolvemento enerxético na Comunidade. Así mesmo, o futuro PSEG revisará e actualizará as actuais áreas de desenvolvemento enerxético coas áreas de desenvolvemento industrial, atendendo tamén ás zonas de protección ambiental e ao desenvolvemento urbanístico.
A nova ferramenta de ordenación do sector eólico galego incluirá -entre as directrices básicas nas que se vai asentar- un dos obxectivos irrenunciables para o Goberno galego: a diminución do custo da factura eléctrica dos galegos e das galegas, tanto dos consumidores como das empresas. Neste marco, está prevista a posta en marcha de dúas mesas de traballo: unha coas entidades máis representativas do sector eólico na Comunidade e, no marco do diálogo social, crearase un grupo de traballo específico sobre eólica que dependerá da Mesa da Industria. En ambos os foros traballarase ao redor de varios eixos, entre eles os seguintes: nas posibilidades de creación dunha industria de compoñentes; na análise das zonas con potencial eólico; no estudo das repercusións da repotenciación para os propietarios dos terreos afectados; na redución dos custos enerxéticos para os consumidores; e na reconversión do sector (mantemento e creación de postos de traballo).
NOVO PLAN SECTORIAL NO PRAZO DE TRES ANOS
Tal e como explicou a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, coa tramitación iniciada Galicia poderá contar cun novo plan sectorial “no prazo de tres anos”. Un procedemento transparente, aberto á cidadanía e que require de avaliación ambiental estratéxica e de consulta e audiencia a todos os posibles actores interesados no procedemento.
O vixente Plan sectorial eólico de Galicia foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 5 de decembro de 2002 (modificado polo Acordo do Consello da Xunta do 2 de xuño de 2005). Tal e como explicou Lorenzana, neste período a evolución da tecnoloxía eólica foi moi significativa, o que modifica substancialmente o potencial aproveitable en Galicia con respecto ao que se consideraba no momento da súa aprobación. “Os 190 parques en funcionamento teñen unha potencia de 3.901 MW, o que sumados aos que están en tramitación indica que estamos a piques de superar o obxectivo marcado no Plan actual”, precisou Lorenzana, para engadir que Galicia “ten capacidade suficiente para unha maior potencia”.
Asemade, como indicou Alfonso Rueda, o novo PSEG contará, consonte a normativa actual, “con avaliación ambiental estratéxica”, o que suporá unha maior garantía ambiental para a cidadanía e para os promotores.