Consellería de Economía e Industria
A conselleira de Economía e Industria salienta a fortaleza do naval galego, que pechou o 2024 coa maior carga de traballo en cinco anos
- O sector sumou 11 novos contratos o ano pasado e xa ten máis dunha vintena de buques na carteira de pedidos, o 40% do total nacional
- A actividade ponderada dos estaleiros galegos representa o 41% do conxunto de España, por diante de Asturias (34%) e do País Vasco (26%)
- María Jesús Lorenzana visitou as instalacións de Estaleiros Armón Vigo, o primeiro grupo naval privado de España, onde afirmou que “o liderado do naval galego é estrutural nos últimos dez anos”
- A conselleira destacou as medidas de apoio sectorial postas en marcha pola Xunta, a través do Plan director do naval, e que están enfocadas ao talento, á cualificación profesional, á especialización e á diversificación
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou que Galicia lidera o sector naval en España logo de pechar 2024 coa maior carga de traballo desde 2019: 11 novos contratos o pasado ano e máis dunha vintena de buques na carteira de pedidos, o 40 % do total nacional. Lorenzana fixo este resumo de actividade sectorial durante a súa visita ás instalacións de Estaleiros Armón Vigo, o primeiro grupo naval privado de España, onde salientou que o liderado do naval galego é estrutural nos últimos dez anos porque “leva sabido especializarse a nivel tecnolóxico, diversificar a súa actividade, internacionalizala e, deste xeito, converterse hoxe en día nun sector industrial en Galicia fortísimo”.
A actividade ponderada, segundo datos do 2024, representa o 41% do total nacional, por riba de Asturias (34%) e País Vasco (26%); unhas “extraordinarias cifras”, segundo destacou a conselleira, das que Armón é unha mostra.
A titular de Economía e Industria puxo de manifesto as medidas da Xunta en apoio ao sector, recollidas no Plan director do naval, que buscan, dixo, “seguir intensificando as bondades, as fortalezas que ten o sector e tamén traballar nas dificultades, nos desafíos que ten agora mesmo”, vinculadas ao talento, á busca de persoas, e ao fortalecemento da especialización e a diversificación “que é o que fai único” este sector, asegurou.