Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana asegura que coa repotenciación e reforzo da rede eléctrica de transporte que a Xunta vén demandando ao Goberno, Galicia sumaría unha potencia equivalente a 70 parques eólicos

  • Ademais reduciríase o número de aeroxeradores instalados ata nun 68% producindo ata un 125% máis de enerxía, e sen necesidade de novos trazados de liñas de evacuación
  • A conselleira de Economía e Industria enmarcou esta estratexia da Xunta na importancia de atender as necesidades de demanda de consumo existentes no sector industrial
  • Na presentación do V Atlas Galego da Empresa Comprometida, elaborado por Economía Digital Galicia, Lorenzana destacou o clima económico “favorable” e “estable” da Comunidade “a pesar das incertezas do escenario internacional”

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, salienta que coa repotenciación e o reforzo da rede eléctrica de transporte que se vén demandando ao Goberno central, Galicia podería conseguir unha potencia equivalente a 70 parques eólicos -de 40 MW cada un sen nova ocupación de terreos- e 1.300 MW máis de consumo. Así o puxo de manifesto na presentación da V Edición do Atlas Galego da Empresa Comprometida, onde fixo referencia aos datos que se desprenden do informe sobre repotenciación eólica encargado pola Consellería de Economía e Industria á Universidade de Vigo e que foi avaliado polo Consello da Xunta o pasado luns.

Segundo precisou a titular de Economía e Industria, o escenario despois da repotenciación, e se o Goberno central é quen de acompañar ese aumento da potencia eólica co reforzo da rede de transporte eléctrico, permitiría reducir o número de aeroxeradores instalados en Galicia ata nun 68% xerando ata un 125% máis de enerxía, sen necesidade de novos trazados de liñas de evacuación.

Lorenzana enmarcou esta estratexia na importancia de atender as necesidades de demanda de consumo que ten a industria. E, neste contexto, resaltou o compromiso do tecido empresarial coa sustentabilidade, tal e como recollen as conclusións do Atlas Galego da Empresa Comprometida, que demostra, dixo, que “a maior parte das empresas galegas entenden que o éxito económico vai ligado á sustentabilidade, a un compromiso coas persoas e coa sociedade”.

A conselleira destacou o clima económico “favorable” e “estable” de Galicia a pesar das incertezas do escenario internacional e, neste punto, salientou que a Estratexia de Internacionalización da Xunta permitiu que se convertese o pasado ano na quinta comunidade autónoma máis exportadora.

A CADEA ENERXÍA-INDUSTRIA

A política económica do Goberno galego, proseguiu, baséase no desenvolvemento dos recursos naturais, no peche das cadeas de valor, no abaratamento do prezo da enerxía e “na importantísima vinculación que existe entre a enerxía e a industria”, dixo, pero tamén na desburocratización e na axilización administrativa, a través da Oficina Económica de Galicia, para favorecer a implantación de proxectos industriais.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia