Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana apela ao traballo coordinado co Goberno central e a UE na defensa das empresas galegas ante o novo escenario arancelario

  • En resposta a unha interpelación no pleno do Parlamento de Galicia, avanzou que o 26 de maio haberá unha segunda reunión cos sectores máis afectados para trasladarlles as bases dunha convocatoria de préstamos ao circulante de ata 1 millón de euros
  • A conselleira de Economía e Industria precisou que a Xunta vén mantendo reunións mensuais de seguimento co Ministerio de Economía, no Pleno Interterritorial de Internacionalización e tamén co ICEX e coa Dirección Xeral de Comercio Internacional e Investimentos
  • Ademais puxo en valor o “magnífico” ciclo exportador de Galicia, que en 2024 fixou un novo teito de vendas ao exterior por importe superior aos 31.000 millóns de euros
  • María Jesús Lorenzana detallou que as exportacións galegas con destino aos Estados Unidos, o undécimo mercado exterior para Galicia, rexistraron en marzo un incremento interanual do 41%

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apelou no Parlamento de Galicia a traballar de xeito coordinado co Goberno central e a UE para defender os intereses das empresas galegas, á espera de coñecer como queda o escenario arancelario definitivo. “Temos que tentar reducir esta guerra comercial ao mínimo posible e tratar de negociar. Esta é a primeira cuestión na que hai que traballar de xeito coordinado coa UE e co Goberno de España”, priorizou.

En resposta a unha interpelación no Pleno da Cámara galega, Lorenzana lembrou que a Xunta vén mantendo reunións mensuais co Ministerio de Economía, Comercio e Industria, no Pleno Interterritorial de Internacionalización; en concreto, o pasado 10 de abril e 19 de maio. Ademais, indicou que tamén se celebran encontros a través do Igape, co ICEX e coa Dirección Xeral de Comercio Internacional e Investimentos para o seguimento do impacto da escalada arancelaria. “Non sabemos aínda que aranceis se van impoñer nin cando”, matizou.

Por parte da Xunta, asegurou que se mantén contacto permanente co tecido produtivo e avanzou que o vindeiro 26 de maio haberá unha segunda reunión cos sectores económicos máis afectados en Galicia para explicarlles as bases da convocatoria de préstamos ao circulante de ata 1 millón de euros anunciada pola Xunta. “Inmediatamente, cando fagan as súas alegacións, sairá publicada” no DOG, avanzou.

Entre outras das medidas postas en marcha pola Administración autonómica, a conselleira de Economía e Industria lembrou que a Oficina Económica do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) creou unha unidade especializada de atención con servizos específicos, en coordinación coa súa antena de Miami, desde onde esta semana se veñen organizando webinarios con empresas; esta mesma semana o turno foi para o sector da pedra e materiais de construción e para o biotech e as TIC. Tamén no marco do programa Reacciona, está prevista a próxima posta en marcha dun novo servizo de consultoría especializado en internacionalización. Un plan de resposta, engadiu, que está coordinado co do Goberno de España e incluído no Plan ICEX de Alto Impacto en Competitividade.

Neste contexto, Lorenzana quixo poñer de manifesto o “magnífico” ciclo exportador que vive Galicia, co “mellor dato de exportacións da historia” que, en 2024, acadaron os 31.019 M€, o que supón un crecemento do 3,3 por cento respecto ao ano anterior. No que vai de 2025, proseguiu, a Comunidade mantén unha posición destacada no panorama estatal, ao representar o 8,1% do total das exportacións españolas rexistradas en marzo, cando Galicia acadou os 2.746,9 M€, unha cifra moi superior aos 2.453,8 do mesmo mes de 2024 (un 12% máis). A balanza acumulada de 2025 amosa, ademais, un valor de 2.213,9 M€.

AUXE DO 41% NAS EXPORTACIÓNS GALEGAS A ESTADOS UNIDOS

No que respecta ás relacións comerciais con Estados Unidos, destacou que no mes de marzo subiron respecto ao ano pasado un 40,6% interanual, ata os 52,84 M€. E, de igual xeito, no acumulado de xaneiro a marzo creceron un 4,7% respecto ao mesmo período, ata situarse nos 161 millóns.

María Jesús Lorenzana sinalou que aínda así Estados Unidos representa o undécimo mercado das exportacións galegas, que teñen a UE como destino principal. En relación aos sectores galegos máis afectados polos aranceis mencionou as industrias químicas (case 200 M€ de exportacións a USA); o sector agroalimentario e bio (135,8 M€); o metalmecánico (114 M€); o naval (92 M€); e os produtos minerais e da automoción (case 60 M€). “O que máis nos preocupa é o efecto indirecto dos aranceis recíprocos nas importacións e nas relacións comerciais coa UE e como estas poden afectar aos produtores galegos”, concluíu, para apelar á prudencia e a “estar alerta”.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia