Consellería de Economía e Industria
A Oficina Económica de Galicia atendeu desde abril preto de 9.500 consultas, un milleiro delas nas últimas tres semanas

- Nunha xornada informativa co sector empresarial, a conselleira de Economía e Industria puxo en valor o rol e a boa acollida deste novo instrumento para desburocratizar os procedementos administrativos
- Lorenzana salientou que a Oficina Económica de Galicia xa leva concertado 430 reunións de asesoramento, nas que se abordaron 164 proxectos de especial relevancia para a Comunidade
- Tamén remarcou a axilidade e eficacia na xestión das consultas, e precisou que “case un 80% foron resoltas no acto”
- A conselleira lembrou que o obxectivo é “desburocratizar os procedementos administrativos”, simplificar, facer da Administración un aliado da empresa e situala no centro das políticas económicas
- Neste encontro, destacou que os orzamentos do Igape para 2025 medrarán un 20% e farán unha aposta decidida polo apoio empresarial

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo en valor a boa acollida que está a ter a Oficina Económica de Galicia que, desde que entrou en funcionamento en abril, leva atendidas ata o de agora 9.464 consultas, un milleiro delas nas últimas tres semanas, e case un 80% foron resoltas no acto.
Nunha xornada informativa na que participaron algunhas das empresas que se levan beneficiado dos servizos desta entidade, a conselleira avanzou que tamén se teñen concertado 430 reunións de asesoramento empresarial entre outros asuntos, para abordar 164 proxectos de especial relevancia.
“O que pretendemos é desburocratizar os procedementos administrativos”, dixo Lorenzana, que avogou por facer da Administración un aliado da empresa. “Traballamos con vós, tentando facer o proxecto noso para que exista un promotor público” desa iniciativa. “Tratamos de falar o voso mesmo idioma”, remarcou.
Xunto con isto, tamén mencionou que, ao longo destes meses, se realizaron máis dunha decena de accións en colaboración con Xesgalicia, con outros departamentos da Xunta e con axentes externos ao Igape como o Ministerio de Industria, SEPIDES (Empresa pública de Financiamento Empresarial), ENISA (Empresa Nacional de Innovación), BEI (Banco Europeo de Investimentos), ICEX, Cesce (Compañía de Xestión Integral do Crédito Comercial), e confederacións de empresarios, universidades e centros tecnolóxicos.
“O obxectivo que temos con este proxecto, simplificar, está encadrado dentro de toda a estratexia económica da Xunta de Galicia. Estamos tentando poñer a empresa no centro das políticas económicas que estamos facendo. Temos que tratar de que a empresa poida crecer sen que a Administración estorbe”, resaltou.

DINAMISMO ECONÓMICO
A conselleira cualificou o contexto económico de Galicia como moderadamente bo, tal e como demostra o índice de confianza empresarial, que sitúa a comunidade como a segunda con maior crecemento; a boa marcha das exportacións, cun incremento no que vai de ano do 2,9% (20.093,2 millóns de euros), que contrasta co descenso do 0,5% na media de comunidades; ou a cifra de negocios da industria, onde Galicia é a cuarta autonomía con maior crecemento anual.
Lorenzana concluíu aludindo aos orzamentos do Instituto Económico de Galicia (Igape) para 2025 que, segundo dixo, medran un 20% respecto ao ano anterior, cunha aposta decidida polo apoio empresarial.

























