Consellería de Economía e Industria
Lorenzana enfatiza que Xunta e empresas impulsarán o Clúster Contract de Galicia para reforzar o liderado da súa cadea de valor a nivel global
- A iniciativa de crear este conglomerado de empresas galegas xerará “sinerxías entre deseño, industria e tecnoloxía, impulsará a sustentabilidade e promoverá a innovación en deseño de espazos e experiencias”, avanza a conselleira de Economía e Industria
- Matizou que esta aposta pola colaboración público-privada, que agrupa a máis dun cento de empresas, vai permitir “o desenvolvemento de importantes proxectos de I+D que manteñen ao sector á vangarda da innovación”
- María Jesús Lorenzana visitou, no marco da Semana Internacional do Contract organizada polo Igape, as instalacións de Aluman en Arteixo, empresa que definiu como “exemplo de diversificación e internacionalización”
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou que Xunta e empresas impulsarán o Clúster Contract de Galicia que reunirá a toda a cadea de valor do sector e reforzará o seu liderado a nivel global. No marco da Semana Internacional do Contract que organiza cada ano o Igape, Lorenzana visitou as instalacións en Arteixo da empresa Aluman, á que puxo como “exemplo de diversificación e internacionalización”.
Durante a visita, explicou que a creación do Clúster Contract de Galicia permitirá “seguir creando sinerxías entre deseño, industria e tecnoloxía; impulsar a sustentabilidade; e promover a innovación en deseño de espazos e experiencias”.
Neste sentido, a titular de Economía e Industria apuntou que o contract galego, do que forman parte máis dun cento de empresas, destaca pola súa calidade, diferenciación e competitividade, unhas características “que son froito dun esforzo constante en innovación”, asegurou. Ademais, tamén puxo en valor o espírito de cooperación desta agrupación ou conglomerado de sociedades de referencia, pois “as empresas do sector non traballan soas, colaboran entre si e con nós, coa Administración, a través dos distintos clústers e centros tecnolóxicos”, subliñou.
Finalmente, María Jesús Lorenzana explicou que esta aposta pola colaboración público-privada, na que se enmarca a creación do novo clúster do contract, permite o desenvolvemento de importantes proxectos de I+D que manteñen ao sector á vangarda da innovación.