Consellería de Economía e Industria
A liña de apoios da Xunta para a modernización de infraestruturas promove investimentos e melloras en 40 parques empresariais galegos
- O Goberno galego publicará no DOG nas vindeiras semanas a resolución desta convocatoria de axudas, de grande acollida e que conta cun orzamento de 3 millóns de euros
- As actuacións inclúen desde iluminación eficiente ata plantas de depuración de auga, xestión de residuos, viais e servizos centralizados de gas e hidróxeno verde
- Estas axudas teñen unha intensidade do 80% e establecen un límite máximo de 120.000 euros nas solicitudes individuais e de 138.000 nas conxuntas
A Xunta apoia con tres millóns de euros un total de 40 parques empresariais galegos co obxectivo de modernizar a súas infraestruturas e incrementar a súa competitividade. Así, o Goberno galego publicará nas vindeiras semanas no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución desta convocatoria de axudas que tivo unha grande acollida e que busca dar resposta ás novas necesidades que teñen os polígonos industriais para fixar e atraer novos investimentos.
Dos 40 parques beneficiarios, 16 están na provincia da Coruña, como é o caso das Somozas, Merelle, Santa Comba, Sigüeiro, ou o parque empresarial de Espiñeira; 12 na de Lugo, onde figuran como beneficiarios, entre outros, os polígonos de Barreiros, Ribadeo, Cuiña, Sete Pontes de Vilalba ou o de Outeiro de Rei; nove na provincia de Pontevedra, onde destacan o de Silleda, Chan da Ponte, Campaña, O Camballón ou Merlín; e tres polígonos industriais beneficiados na de Ourense: A Gudiña, Tamallancos e O Pereiro de Aguiar.
Estas axudas contribúen á modernización das instalacións dos polígonos industriais e facilitan que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas que necesitan para levar a cabo a súa actividade. Neste sentido, trátase de ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local.
A liña de apoios -xa pechada- é de concorrencia competitiva e está dirixida aos concellos galegos que queren realizar melloras relativas á implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.
As axudas teñen unha intensidade do 80% ata un límite máximo de 120.000 euros no caso de solicitudes individuais e de 138.000 no caso de que sexan conxuntas.