Consellería de Economía e Industria
Lorenzana dalle un “absoluto suspenso” ao Goberno central en materia de enerxía e demanda unha planificación da rede eléctrica acorde ás novas necesidades do sector industrial
- Na clausura da XXV Asamblea xeral da Asociación Galega da Empresa Familiar asegurou que “hai proxectos que agora mesmo dependen exclusivamente para a súa viabilidade e instalación de ter potencia eléctrica” suficiente e de poder conectarse á rede
- Calificou o problema actual de “gravísimo” e engadiu que “investir en redes non dá votos e non se está tomando coa importancia coa que se ten que tomar”
- A conselleira de Economía e Industria comunicou que a Xunta solicitou formar parte do comité de análise do apagamento xa que “transcorrido un mes, o Goberno aínda non conseguiu aclarar as causas que o provocaron”
- Enxalzou que Galicia conta con máis de 60.500 empresas familiares e que nos últimos dez anos creceron máis do dobre, un 130%, en Valor Engadido Bruto, ata os 40.800 M€.
- Detallou que representan o 85,6% da riqueza xerada en Galicia, e que delas dependen máis de 600.000 empregos na Comunidade, un 50% máis que na última década e o 82% de todo o emprego privado
- Lorenzana lembrou medidas como a Oficina Económica de Galicia, o Plan de aceleración de proxectos industrias ou as novas figuras normativas de acceso a solo empresarial e dixo que a aposta da Xunta pola desburocratización e a axilidade administrativa conecta coas grandes demandas das empresas
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, manifestou que o Goberno de España ten “un absoluto suspenso en materia de enerxía”, e reclamou unha mellor planificación da rede eléctrica acorde ás necesidades da nova planificación industrial. “Hai proxectos que agora mesmo dependen exclusivamente para a súa viabilidade e instalación en Galicia de ter potencia eléctrica bastante e poder conectarse á rede”, dixo, para remarcar: “É un problema gravísimo. Investir en redes non dá votos e non se está tomando coa importancia coa que se ten que tomar”.
Lorenzana, acompañada polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, clausurou a XXV Asemblea xeral da Asociación Galega da Empresa Familiar, onde tamén informou de que a Xunta solicitou formar parte do comité de análise do apagamento porque, transcorrido un mes, o Goberno aínda non conseguiu aclarar as causas que o provocaron.
A conselleira asegurou que esta situación contribúe a xerar máis incertezas ao tecido empresarial, cando o que necesita é que se lle traslade confianza, estabilidade e seguridade para dinamizar o investimento. “A empresa necesita que a Administración non sexa un estorbo”, afirmou, e engadiu que, nun contexto internacional tan convulso como o actual, “é máis importante que nunca facer boa política”.
Nese sentido, asegurou que medidas como a Oficina Económica de Galicia, o Plan de aceleración de proxectos industrias ou as novas figuras normativas de acceso a solo empresarial foron postas en marcha pola Xunta dentro da aposta que está facendo pola desburocratización e a axilidade administrativa, unha das principais demandas das empresas.
“Fronte a outros gobernos ou ideoloxías que entenden que a empresa pode ser un inimigo, que hai que negarse a calquera desenvolvemento industrial porque pode ser ou é incompatible co territorio, estamos firmemente convencidos de que é absolutamente imposible pensar nunha Galicia a medio e longo prazo que teña o desenvolvemento, a calidade de vida e o benestar que queremos sen o desenvolvemento industrial”, aseverou.
CRECEMENTO DO 130% EN VEB
Sobre as empresas familiares, salientou que son máis de 60.500 as que conforman o tecido produtivo galego, un 94,3%. Nestes últimos dez anos, o seu Valor Engadido Bruto creceu máis do dobre, un 130% ata os 40.800 M€. Representan o 85,6% da riqueza xerada en Galicia, e dependen delas máis de 600.000 empregos na Comunidade, un 50% máis que na última década; o 82 % do emprego privado en Galicia.
E finalizou a súa intervención subliñando que á empresa familiar galega hai que recoñecerlle o seu liderado en sectores estratéxicos, o seu arraigo territorial e a vocación de longo prazo, que propicia a estabilidade na xestión e xera confianza, concluíu.