Consellería de Economía e Industria
Lorenzana destaca a gran acollida do `Programa Renova o teu vehículo´ e lembra que aínda está dispoñible para empresas e autónomos
- O crédito destinado a particulares esgotouse en apenas un mes e medio, coa maior demanda para híbridos de gasolina, GLP e gasolina
- O programa, que xa se achega ás 1.300 solicitudes, constitúe un exempo de “como facer un proceso de transición gradual e xusto”, subliñou a conselleira
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou o éxito do Programa Renova o teu vehículo que esgotou o crédito dispoñible para particulares en apenas un mes e medio. Unhas axudas que, como subliñou, “son un exemplo de como facer un proceso de transición gradual e xusto”, precisamente unha das cuestións que a titular de Industria do Goberno galego solicitou para o sector da automoción en Bruxelas esta mesma semana.
Lorenzana visitou en Teo o concesionario Compostela Motor, adherido a esta iniciativa, onde explicou que, ata o momento houbo preto de 1.300 solicitudes para acollerse ao programa, pero que en todo caso aínda hai fondos dispoñibles para as empresas e as persoas autónomas que estean interesadas en acceder a estas axudas.
Segundo o tipo de motor, estes apoios están sendo máis demandados para vehículos híbridos de gasolina, seguidos dos de gas natural (GLP), gasolina, gasóleo, os híbridos enchufables e os eléctricos puros.
Finalmente, a conselleira puxo en valor que, con este programa que leva xa dúas edicións, Galicia é das primeiras comunidades autónomas en aprobar un plan de apoios específico para incentivar a compra de vehículos eficientes entre particulares e empresas, cun orzamento de 3,1 millóns de euros e axudas máximas de ata 4.600 euros segundo o nivel de emisións.