Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda ofrece en Montevideo o apoio da Xunta “para que as comunidades galegas de todo o mundo se sintan acompañadas” e para estreitar as relacións entre os galegos do exterior

  • Salienta o labor das colectividades do Uruguai na promoción de Galicia e o seu esforzo por constituír “unha das comunidades galegas máis importantes”
  • O presidente da Xunta remarca os medios que a Estratexia Galicia Retorna pon ao servizo dos emigrantes que desexen volver á súa terra de orixe
  • No inicio da viaxe a Uruguai enxalzou a presenza de empresas galegas no país, onde están “a crear riqueza desde fai moito tempo”, e lembrou que tamén constitúen unha excelente porta de entrada para as exportacións cara Europa

No transcurso da súa visita a Arxentina e Uruguai, o presidente da Xunta agradeceu a oportunidade que está a ter para estreitar vínculos, tanto a nivel cultural como empresarial, e coñecer mellor as necesidades de todos os emigrantes galegos. Alfonso Rueda ofreceu o apoio institucional para que as comunidades galegas en todos os países do mundo se sintan acompañadas e para que cada día haxa unha relación máis estreita e forte cos galegos do exterior.

Na segunda escala da viaxe, en Montevideo, mantivo un encontro con entidades galegas neste país na Sede Deportiva Centro Gallego de Carrasco, na que estivo acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González. Durante o encontro, Rueda salientou o labor destas entidades e o seu esforzo por constituír “unha das comunidades galegas máis importantes” a nivel global, destacándoas, ademais, como as mellores embaixadoras de Galicia neste territorio.

Así mesmo, reiterou o compromiso do seu Executivo por que todas as persoas que queiran volver a Galicia poidan facelo e se sintan acollidas. Neste sentido, recordou a importante ferramenta que supón a Estratexia Galicia Retorna, a través da cal se ofrecen os medios para que os emigrantes que o desexen poidan volver á súa terra de orixe.

PULO EMPRESARIAL DESDE GALICIA

A nivel empresarial, o presidente da Xunta destacou a importante presenza de empresas galegas asentadas no Uruguai “que están creando riqueza aquí desde fai moito tempo” e que poden contribuír non só para aumentar as exportacións de produtos galegos cara estas latitudes senón tamén “como porta de entrada de todos os produtos que queira trasladar Uruguai cara Europa”.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia