Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda aposta por consolidar o Eixo Atlántico como “alianza estratéxica” e “cooperación sólida e estruturada” entre as Comunidades do norte da Península Ibérica

 

  • No Foro Axenda Atlántica, en Bilbao, no que participou xunto co lehendakari, Imanol Pradales, defendeu “un modelo de cogobernanza multilateral de igualdade” para todas as Comunidades, sen renunciar á corresponsabilidade en eidos como o do financiamento autonómico
  • O presidente da Xunta afondou en que o Eixo Atlántico precisa políticas activas que corrixan os desequilibrios históricos en materia de infraestruturas e servizos que en ocasións impiden o desenvolvemento industrial
  • Incidiu en que o Goberno galego está a estudar a solicitude de competencias en materia de permisos de traballo para persoas estranxeiras

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aposta por consolidar o Eixo Atlántico como unha alianza estratéxica e reclama equidade territorial en investimentos e competencias. Durante a súa participación no Foro Axenda Atlántica, onde compartiu espazo co lehendakari, Imanol Pradales, co que mantivo unha reunión posterior no Palacio de Ajuria Enea, Rueda defendeu unha cooperación sólida e estruturada con Euskadi e co resto das Comunidades do norte peninsular “nun sentido amplo”, tendo en conta tamén as relacións internacionais con Francia e Portugal.

Así, o titular do Goberno galego destacou que Galicia é unha firme defensora desta alianza, que debe transcender as conxunturas políticas e converterse nunha estrutura estable de colaboración, cunha “conxunción de intereses” compartidos e desafíos comúns (como o reto demográfico, a mobilidade ou a transformación industrial), pero tamén oportunidades que cómpre aproveitar desde estratexias “globais” e con “forza suficiente”.

Alfonso Rueda reclamou unha distribución xusta dos investimentos do Estado para non ter “un país de dúas velocidades”, defendendo a descentralidade de España e sinalando que o Eixo Atlántico precisa políticas activas que corrixan os desequilibrios históricos en materia de infraestruturas e servizos que impiden en ocasións o desenvolvemento industrial.

ALIANZA E RELACIÓN BILATERAL CON EUSKADI

En canto á relación bilateral con Eusakdi, o presidente afirmou que é unha alianza que “convén moito” a Galicia, e agradeceu a súa colaboración para que a Comunidade galega acadase as competencias para xestionar o seu litoral, “algo que para nós é fundamental”. Ademais, Rueda reivindicou un modelo de cogobernanza multilateral, aberto e en pé de igualdade para todas as Comunidades, no que se respecten as competencias e singularidades de cada territorio pero sen renunciar á corresponsabilidade nos grandes temas como o financiamento autonómico.

No que respecta ao reto demográfico, o titular do Goberno galego destacou as medidas tomadas pola Xunta para fomentar a natalidade, como son as axudas á conciliación, a gratuidade das matrículas universitarias ou o apoio á fecundación in vitro.

Nesta liña, reivindicou as políticas de atracción de talento e poboación a Galicia, como o Plan Retorna, e subliñou que a Xunta está a estudar a solicitude de competencias en materia de permisos de traballo para persoas estranxeiras. Ademais, para aumentar as oportunidades da xente nova en Galicia, o presidente da Xunta reivindicou ser “esixente” coas empresas que desexan investir en Galicia pero tamén manter con firmeza as decisións tomadas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia