Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda adquire o compromiso da Xunta de que, de xeito progresivo, o 20% das edificacións da Administración Pública galega empreguen madeira na súa estrutura

  • Afirma que o Goberno galego está comprometido coa consolidación “dun sector forestal forte, sostible e adaptado aos tempos, capaz de acometer grandes transformacións en pouco tempo”

  • Na clausura do `IV Encontro intersectorial do piñeiro de Galicia´, organizado pola Fundación Arume, resaltou que a Xunta destinará 15 millóns de euros á mellora da xestión forestal

  • Entre as medidas nas que xa traballa o Goberno galego están a creación dun Plan Estratéxico das Masas de Coníferas, apostar pola xestión forestal conxunta do monte galego e fomentar a creación de superficies forestais

  • O presidente da Xunta anunciou que en 2025 convocaranse axudas para promover a silvicultura produtiva, centrada nas coníferas, e tamén a adaptativa, focalizada nas frondosas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, salientou a aposta do Executivo galego polo aproveitamento sustentable do sector madeireiro en Galicia e pola progresiva incorporación da madeira ás novas edificacións públicas. Na súa intervención no `IV Encontro Intersectorial do piñeiro de Galicia´, organizado pola Fundación Arume e en cuxa inauguración participou a conselleira de Medio Rural, María José Gómez, o titular do Goberno galego salientou a importancia dun acto tan relevante para o sector forestal.

Nesta liña, Rueda destacou a importancia da masa forestal para as rexións, apuntando que en Galicia existe un forte vínculo con este recurso, “unha parte importante do noso emprego industrial”, que polo tanto “temos que coidar”. De feito, o madeireiro é un dos seis sectores declarados como estratéxicos recentemente polo Consello da Xunta.

En consecuencia, o presidente afirmou que o Goberno galego está comprometido coa consolidación dun sector forestal forte, sostible e adaptado aos tempos, capaz de acometer grandes transformacións en pouco tempo. “Temos empresas que levan moito tempo facendo as cousas ben” e que precisan “que a administración lles axude”, afirmou Rueda. Nesta tarefa, o presidente da Xunta solicitou tamén a colaboración do sector coa Administración autonómica.

Por elo, o Executivo galego defende un “cambio de mentalidade” á hora de falar do “particular” sistema de propiedade da terra, apelando á unidade para ordenar a propiedade forestal e poñer o máximo de terreos en produción.

Así, algunhas das medidas nas que xa traballa o Goberno galego son a creación dun Plan Estratéxico das Masas de Coníferas en Galicia, apostar pola xestión forestal conxunta do monte galego e fomentar a creación de superficies forestais. De feito, unha das medidas máis destacables neste sentido é que no vindeiro ano convocaranse axudas para fomentar tanto a silvicultura produtiva, centrada nas coníferas, como a adaptativa, focalizada nas frondosas. Co obxectivo de mellorar a xestión forestal, a Xunta de Galicia destinará 15 millóns de euros.

CONSTRUCIÓN CON MADEIRA

Segundo indicou Rueda, nesta lexislatura o Executivo galego quere “recuperar tempo perdido en materia de vivenda”. O compromiso da Xunta con este ámbito tamén ten implicacións no sector madeireiro. Ademais das axudas publicadas para impulsar a construción con madeira no ámbito privado, o Goberno galego márcase o obxectivo conxunto de que progresivamente o 20% das edificacións da Administración pública galega empreguen madeira na súa estrutura. En palabras do presidente da Xunta, “temos unha oportunidade de cambiar esquemas” con esta medida que “vai pagar a pena” e “vai mobilizar ao sector”.

Para acadar este obxectivo, chegouse a acordos de colaboración entre organismos públicos, como o subscrito entre XERA e a Axencia Galega de Infraestruturas para que se incorpore na medida do posible o uso da madeira nas infraestruturas promovidas e/ou executadas pola propia Axencia Galega de Infraestruturas.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia