Consellería de Economía e Industria
Lorenzana sitúa como claves do sector forestal-madeira a colaboración e a modernización para afrontar os retos da dixitalización de procesos e da sustentabilidade ambiental
-
A conselleira de Economía e Industria remarca o compromiso da Xunta coa innovación e coa internacionalización desta industria e enxalza as melloras que aportará o plan director actualmente en fase de elaboración
-
María Jesús Lorenzana mantivo encontros de traballo con representantes de LugoMadera, da Fundación Arume e de Fearmaga, acompañada polo novo director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos
-
A conselleira precisou que segundo os últimos datos publicados (ano 2023), Galicia aproveitou case 9,8 millóns de metros cúbicos de madeira, cifra que a consolida entre as principais rexións produtoras de Europa.
-
O sector forestal-madeira supera en Galicia os 2.400 millóns de euros de facturación anual e abrangue unhas 3.000 empresas distribuídas por toda a xeografía galega
-
Nestes encontros sectoriais, Lorenzana puxo en valor as axudas convocadas pola Axencia Galega (Xera) para 2024 e 2025, por un importe superior aos 14 millóns de euros
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destaca a aposta da Xunta polo sector forestal-madeira en Galicia e ratifica o compromiso coa innovación e a internacionalización desta industria. Logo de manter encontros de traballo coa Asociación de Empresarios da Primeira Transformación da Madeira de Lugo (LugoMadera), da Fundación Arume, e da Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeiras de Galicia (Fearmaga), nos que aproveitou para presentar ao novo director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, precisou que a cadea de valor forestal-madeira representa o 12% do emprego industrial en Galicia e o 2% do emprego total da Comunidade.
Segundo os últimos datos publicados -referidos ao ano 2023-, Galicia aproveitou case 9,8 millóns de metros cúbicos de madeira, o que a consolida como unha das principais rexións produtoras de Europa. Ademais, a facturación desta industria supera os 2.400 millóns de euros anuais e abrangue xa unhas 3.000 empresas distribuídas por toda a xeografía galega.
Neste marco, a conselleira avogou pola colaboración e pola modernización para afrontar retos como a globalización dos mercados, a dixitalización dos procesos e a necesidade da sustentabilidade ambiental, obxectivos que tal e como explicou, aborda o plan director do sector forestal-madeira que está a elaborar a Xunta.
AXUDAS PARA USOS E TECNOLOXÍAS DA MADEIRA
A titular de Economía e Industria tamén puxo en valor as axudas que a Xera xa convocou para os anos 2024 e 2025 por importe superior a 14 millóns de euros. Entre elas, destacan as destinadas á realización de proxectos que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais; os apoios para investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais; ou as axudas para a valorización das pemes da primeira e segunda transformación da madeira e do segmento do contract ligadas á cadea monte-industria.