Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Rueda remarca a contribución dos empresarios e autónomos galegos para consolidar Galicia como “terra competitiva e innovadora”

 

  • Na inauguración do Club Cámara Noroeste, na Coruña, agradeceu aos actores do tecido produtivo galego a súa achega nos bos datos da economía galega en 2024, co paro en mínimos históricos e a cifra de ocupados máis alta dos últimos 15 anos
  • Ademais o presidente da Xunta enxalzou o novo crecemento das exportacións, logo do récord logrado en 2023, e a posición de Galicia como segunda Comunidade con maior confianza empresarial
  • Referiuse ao compromiso da Xunta en “apoiar a quen quere investir en Galicia” e citou medidas como a de redución da burocracia, coa posta en marcha da Oficina Económica ou a unificación de todas as axudas dos autónomos nunha única orde
  • En 2025, o Goberno galego promoverá o emprendemento a través de diferentes programas que suman un orzamento de 32 millóns de euros
  • No acto da estrea do Club Cámara Noroeste transcendeu que o novo Plan estratéxico do comercio 2025-2030 estará rematado no primeiro trimestre deste ano

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou o papel do tecido produtivo galego á hora de consolidar Galicia coma unha terra competitiva e innovadora e lembrou que son os empresarios, autónomos e emprendedores os que “xeran riqueza e emprego de calidade” nun territorio. Durante a inauguración do Club Cámara Noroeste na Coruña, á que tamén asistiron a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, o titular da Xunta lembrou os bos datos económicos cos que pechou Galicia o 2024 e agradeceu ao tecido empresarial a súa contribución para acadalos.

Nesta liña, lembrou que Galicia rematou 2024 co paro en mínimos históricos, a cifra de ocupados máis alta dos últimos 15 anos (máis de 1,1 millóns) e sendo a segunda Comunidade con maior confianza empresarial. Ademais, logo de bater récord de exportacións no 2023, os datos apuntan que o 2024 volverá a ser un bo ano xa que o volume de exportacións ata novembro alcanzou a cifra de 28.517 millóns de euros, un 3,1% máis respecto ao mesmo período do ano anterior.

Alfonso Rueda salientou o compromiso da Xunta con dinamizar a economía e apoiar a quen quere investir na Comunidade. Resaltou a estabilidade política e económica que ofrece Galicia, o que permite dar seguridade e confianza ao tecido empresarial.

Ademais, resaltou a posta en marcha doutras medidas para simplificar e reducir a burocracia -coma a Oficina Económica de Galicia ou unificar nunha única orde todas as axudas dos autónomos-; facilitar a formación á carta para que as empresas cubran as vacantes dispoñibles; fomentar o comercio a través do Bono Activa Comercio e o futuro Plan estratéxico do comercio 2025-2030 -que se espera estea rematado no primeiro trimestre deste ano-; ou promover o emprendemento a través de diferentes programas que contan cun orzamento de 32 millóns de euros.

GADISA DISTINGUIDA CO I PREMIO CÁMARA DE COMERCIO Á EMPRESA EXCELENTE

O presidente da Xunta agradeceu á Cámara de Comercio da Coruña a posta en marcha do novo Club Cámara Noroeste que busca ser un punto de encontro para reforzar as relacións económicas e comerciais entre profesionais do noroeste peninsular.

Por último, Rueda resaltou o labor do presidente de Gadisa, Roberto Tojeiro -galardoado co I Premio Cámara de Comercio á Empresa Excelente-, á hora de facer medrar unha empresa familiar e converter o feito de ser galegos nunha sinal de identidade da compañía.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia