Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Lorenzana enxalza o impacto positivo que terán no sector industrial o novo plan eólico de Galicia e as medidas para abaratar a factura eléctrica

  • Na promoción de `Mindtech 2025´ asegurou que para a continuidade do crecemento industrial e seguir atraendo investimentos é preciso “ofrecer uns custos enerxéticos competitivos e ter unha rede de transporte eficaz que satisfaga as necesidades de consumo e evacuación” en cada proxecto

  • A conselleira de Economía e Industria considera esencial lograr que todo o potencial renovable existente na Comunidade redunde na vinculación entre enerxía e industria, e que permita abaratar os prezos

  • Lembrou ademais os plans directores que a Xunta está a elaborar cos sectores estratéxicos e citou expresamente o da automoción, cun investimento previsto de 230 millóns de euros ata 2027

  • Definiu `Mindtech 2025´ como “unha oportunidade moi grande de demostrar a importancia da industria do metal, da innovación e do potencial industrial que ten Galicia”

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, considera “importantísimo” para a industria do metal o traballo que vén facendo a Xunta de Galicia para vincular a industria e a enerxía a través da nova planificación eólica e das medidas para o abaratamento da factura eléctrica. “Para que a industria se siga desenvolvendo na Comunidade e para que sexamos quen de seguir atraendo novos investimentos, temos que ser capaces de ofrecer uns custos enerxéticos competitivos e ter unha rede de transporte eficaz que satisfaga as necesidades tanto de consumo como de evacuación que teñen os distintos proxectos”, subliñou a conselleira.

“A industria do metal e de fabricación cando busca onde ubicarse e onde crecer, precisa prezos enerxéticos que sexan baratos, competitivos. Polo tanto é esencial que logremos que todo o potencial renovable que temos na comunidade autónoma poida redundar nesa vinculación coa industria e permita abaratar os prezos da enerxía”, remarcou Lorenzana.

Así o manifestou no acto de promoción da 4ª edición da feira Mindtech 2025, “unha oportunidade moi grande de demostrar a importancia da industria do metal, da innovación e o potencial industrial que ten Galicia”, afirmou, e tamén á hora de atraer novos investimentos e de impulsar o emprendemento innovador.

Ao respecto, apuntou que, en virtude dun convenio asinado entre Asime e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Xunta patrocina no marco desta feira o espazo “Mindtech Startup Area”. Un área con capacidade para 39 startups e tres business factories que permitirá ás empresas emerxentes galegas establecer contactos con posibles investidores e clientes, e que tamén busca atraer startups internacionais que acheguen innovación á industria galega.

PLANS DIRECTORES EN SECTORES ESTRATÉXICOS

Na súa intervención, a conselleira de Economía e Industria tamén lembrou os plans directores que a Xunta está a elaborar cos sectores estratéxicos da economía galega como a automoción e o naval, e que, como indicou, abranguen todos os ámbitos: desde a formación ata a internacionalización, os investimentos ou a innovación. En concreto, no caso do sector da automoción, sinalou que o investimento previsto é de 230 M€ ata 2027.

María Jesús Lorenzana concluíu aludindo á importancia da colaboración público-privada entre empresas e administracións e fixo fincapé no talento: “Sen dúbida a innovación é moi importante, o desenvolvemento tecnolóxico é moi importante, pero se non temos persoas formadas que traballen nos distintos sectores vai ser moi complicado levar adiante o desenvolvemento industrial que España pode ter nos vindeiros anos”, concluíu.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia