Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Stellantis confirma a adxudicación da plataforma STLA Small á planta de Vigo para fabricar a próxima xeración de vehículos eléctricos do segmento B a partir de 2027

 

  • A multinacional xustifica a elección da factoría viguesa de Balaídos “por su competitividad, saber hacer, clima social y el apoyo de las Administraciones públicas”

  • A Xunta considera unha “excelente noticia” a adxudicación e confía en que Stellantis continúe cumprindo os seus compromisos con Galicia

  • A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, agarda que a multinacional automobilística “siga investindo no talento e na capacidade industrial que ten a nosa Comunidade e que conte cos provedores galegos para esta nova liña de coches eléctricos”

  • Lorenzana precisou que a nova chega “nun momento crucial”, a punto de aprobar o plan director da automoción, suxeito ao último dos informes do Consello Económico e Social de Galicia, e cando a Xunta vén de comprometer 75 M€ en axudas ao sector en tres anos

O grupo Stellantis confirmou a adxudicación da plataforma STLA Small ás plantas de Vigo e Zaragoza para fabricar coches do segmento B, debido a “su competitividad, saber hacer, clima social y el apoyo de las Administraciones públicas”, comunicou a multinacional, para engadir que a próxima xeración de modelos atribuidos a ambas fábricas producirase sobre esta plataforma.

STLA Small é unha plataforma nativa BEV multienerxía, que ofrece unha autonomía de ata 500 kilómetros. Pasa a convertirse nun dos eixos da estratexia de electrificación do grupo, xunto coas tres plataformas globais lanzadas pola multinacional nos dous últimos anos: STLA Medium en 2023, e STLA Large e STLA Frame (ambas as dúas anunciadas en 2024). A través dun comunicado, Stellantis aclara que a adxudicación de STLA Small a Vigo e Zaragoza é complementaria á xa anunciada en decembro de 2024 en Pomigliano (Italia) para modelos compactos.

O propio grupo automobilístico explica que esta gama de plataformas garantiza que Stellantis poida ofrecer as solucións axeitadas aos clientes en función dunha amplia variedade de escenarios de adopción da electrificación. “Todas as plataformas globais de Stellantis están diseñadas e concebidas para prolongar o ciclo de vida grazas á intercambiabilidade da química das celdas das baterías, os EDM, os inversores de potencia e o software de control”, asegura.

Está previsto que a adaptación das factorías de Vigo e Zaragoza comece en 2026 e que a produción seriada arranque no segundo semestre de 2027. A plataforma STLA Small será utilizada para o lanzamento de versións eléctricas do segmento B e B-SUV como o Peugeot 208 e 3008, entre outros.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, referiuse ao anuncio de Stellantis como unha “excelente noticia” e engadiu que “recibimos en Galicia unha boa noticia para a industria da automoción”, para pasar a lembrar que se trata da planta de vehículos máis produtiva de España. Ademais fixo referencia ao peso que ten Stellantis Vigo na industria galega e no sector en concreto, con máis de 6.000 empregos e toda unha cadea de valor da que dependen 25.000 persoas.

“É unha moi boa noticia”, reiterou, para manifestar o seu desexo de que Stellantis “continúe cumprindo os seus compromisos con Galicia, que continúe investindo no talento e na capacidade industrial que ten a nosa Comunidade autónoma e, por suposto, unha chamada ao grupo para que conte para esta nova liña de coches eléctricos cos provedores galegos”, dixo Marías Jesús Lorenzana.

Ao respecto, apuntou que suman unhas 200 empresas arredor da empresa matriz que, “por capacidade, por coñecemento e por innovación industrial están tamén entre os primeiros a nivel internacional”. “Que compre en local e que continúe apostando por esa cadea de produción”, remarcou.

Ademais a conselleira argumentou que esta noticia chega “nun momento crucial”, a punto de aprobar o plan director da automoción, que está agora mesmo suxeito ao último dos informes do Consello Económico e Social de Galicia, e nun momento no que a Xunta vén de comprometer 75 M€ en axudas ao sector en tres anos e acaba de lanzar o segundo paquete de apoios de 2025 para toda a cadea de valor.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia