Últimas Noticias

Europa

Carme Reboreda Fernández - Irlanda

Profesora de Educación Primaria en Dublín, xogadora da Selección Galega de Fútbol Gaélico e do clube irlandés Kilmacud Crokes, e integrante da Asociación Galega de Irlanda

“En Irlanda os colexios públicos e privados contratan facendo unha entrevista, que valoran moito; aquí non existe o sistema de oposicións”

Texto: Javier de Francisco ©

O ensino e o fútbol gaélico teñen moito que ver na decisión da viguesa Carme Reboreda de elexir Irlanda para exercer a súa profesión e continuar co seu deporte preferido. No ano do Covid, ao quedar sen oposicións de Educación Primaria en Galicia, cruzouse no seu camiño unha oferta para traballar nunha escola infantil en Irlanda. E a viaxe e a aventura, que só ían durar ata as seguintes oposicións a Maxisterio, xa superan os seis anos. No sistema educativo irlandés foi escalando peldaños, desde a súa experiencia inicial con nenos de 1 e 2 anos. Pasou por varias escolas, obtivo a acreditación Montessori Assisstant Teacher e superou o proceso de Teaching Council, o rexistro obrigatorio para poder traballar na educación regrada en Irlanda. Na actualidade exerce como profesora de educación especial nun colexio de Primaria en Dublín. “Irlanda é un país en crecemento moi acolledor, cheo de oportunidades para moitas persoas en moitos ámbitos laborais, o que facilita atopar traballo sen ter experiencia previa. Aquí tamén valoran moito o que demostras na entrevista e no traballo do día a día, e danlle menos peso aos títulos”, relata.

No fútbol gaélico, Carme Reboreda defende as cores do clube Kilmacud Crokes, nunha liga que vai alternando con convocatorias da Selección Galega, coa que participou en competicións internacionais e coa que lle gustaría disputar os Xogos Mundiais de Fútbol Gaélico que se disputan este verán (do 13 ao 17 de xullo) en Waterford (Irlanda). Nesta etapa da súa vida nun país “acolledor” e de “fortes conexións” con Galicia, forma parte do grupo de residentes que está a impulsar a Asociación Galega de Irlanda, xa en proceso de constitución oficial e de pasar a formar parte do rexistro para a galeguidade da Xunta de Galicia.

 

  • Canto tempo levas exercendo a docencia en Irlanda? Como che xurdiu a oportunidade de incorporarte ao colexio de Primaria no que traballas en Dublín?

Durante a pandemia do Covid19 estaba a preparar as oposicións de Educación Primaria en Galicia. Debido a isto cancelaron as oposicións e decidín que tiña que facer algo ata o ano seguinte. En Galicia, por desgraza, non hai moitas oportunidades de traballar coa carreira de Educación Primaria se non sacas praza nas oposicións. Así que enviando currículos apareceume unha oferta nunha crèche en Dublín (unha crèche é o equivalente a unha escola infantil, pero de 0 a 5 anos). Eu só tiña o nivel de inglés que tes despois de rematar bacharelato, pero decidín ir para adiante e aplicar á oferta. Poucos días despois recibín un correo para facer unha entrevista por videoconferencia. Prepareina o mellor que puiden e ao rematar xa me dixeron que me collían, que o mes seguinte podía comezar. Alí con ter un grao relacionado con educación podes traballar nas escolas infantís sen problema. Con sorte, conseguín alugar un cuarto nunha casa dunha coñecida, collín as maletas e mudeime para Dublín. Non tiña ningunha previsión de quedar máis que ata as seguintes oposicións.

O traballo na crèche foi duro, porque comecei nunha clase de bebés de 1 a 2 anos, que é onde poñen xeralmente ás persoas que comezan con pouco nivel de inglés. Así que cambiar moitos pañais, por a durmir a 12 bebés á vez, limpar diariamente a clase e os xoguetes (polo Covid), etc. Aos 6 meses, cun pouquiño máis de inglés, conseguín traballo noutra crèche con mellores condicións laborais e xa con peques de 3 a 4 anos. Preparar as rutinas de cada día e organizar a semana xa supoñía un reto máis interesante; aínda así as xornadas eran moi longas, de 8 a 18 horas, e o centro quedábame a 35 minutos en bicicleta da casa. Así que despois doutros 6 meses, conseguín outro traballo nunha Escola Montessori pretiño da casa. Aquí é bastante común ter escolas infantís que seguen esta pedagoxía na que eu sempre estiven moi interesada, por fomentar a autonomía do alumnado e respectar o ritmo de aprendizaxe de cada individuo. Con sorte, neste colexio formáronme e ensináronme todos os materiais Montessori, mentres exercía o rol de AIM support, apoiando a alumnado con necesidades educativas especiais. Unha vez formada déronme a oportunidade de ser Montessori Assisstant Teacher. O día nesta escola facíase moito máis interesante e levadeiro xa que estaba pola mañá co alumnado de 3 e 4 anos e pola tarde viñan nenas e nenos do colexio de educación primaria do lado a facer os deberes e actividades. Así que este foi o meu primeiro contacto con educación primaria; viume ben para estar en contacto co currículo e ademais seguir mellorando o inglés.

Dous anos máis tarde decidín comezar o proceso do Teaching Council, que é o rexistro que é preciso aquí para traballar en educación regrada. Para conseguir isto é necesario corroborar ter un nivel de inglés de C1 (ou levar 3 anos traballando nun país de fala inglesa, opción á que optei eu e actualmente xa non convalidan coma antes), ademais diso ter todos os certificados académicos traducidos ao inglés. É un proceso laborioso e custoso, pero aos poucos meses conseguino. Unha vez conseguido, é moi común obter o certificado do Teaching Council por 3 anos pero con condicións, o que se debe a ter materias na universidade diferentes ás de aquí (por exemplo, en Irlanda, na educación primaria inclúen ao alumnado de 4 a 6 anos. Así que moitas veces piden que estudes estas materias e logo solicites a convalidación. Outra das condicións que sempre temos é a do irlandés, un dos idiomas oficiais de Irlanda que é obrigatorio telo para exercer maxisterio. Así que todo o profesorado que non estudou en Irlanda ten 3 anos para cumprir estes requisitos, período que pode ser ampliable se o xustificas debidamente).

Unha vez conseguido o número do Teaching Council, apliquei a dúas vacantes en dous colexios diferentes e colléronme nos dous. Así que decidín quedarme co que me quedaba máis preto de casa. Sempre me lembrarei que fixen a entrevista para este colexio disfrazada de esquelete, porque xusto era Samaín, gran celebración aquí en Irlanda e tiñamos que disfrazarnos na escola. Aquí os colexios públicos e privados contrátante facendo unha entrevista; non existe sistema de oposicións. A demanda de profesorado era moi alta daquela, tiñan unha crisis bastante forte debido ao problema de vivenda e resultaba moi difícil atopar profesorado en Dublín. Dende aquela, sigo neste colexio público e estou contentísima.

Impartindo clase de Special Education no seu colexio actual de Dublín, en Primaria.

  • Xa partías con experiencia laboral previa en Galicia?

Eu non tiña experiencia laboral no campo da educación, pero si no da animación sociocultural e tempo libre. Mentres estudaba, e despois, traballei en campamentos, actividades extraescolares, vodas e bautizos, eventos infantís, obradoiros de igualdade de xénero, formadora de ocio para canguros, axente de igualdade para programas de mocidade, deseño e implementación de programas de igualdade en colexios, etc. En canto ao campo educativo non tiña ningunha experiencia porque é moi complicado se non sacas as oposicións. A verdade que Irlanda é un país en crecemento moi acolledor, cheo de oportunidades para moitas persoas en moitos ámbitos laborais, o que facilita atopar traballo sen ter experiencia previa. Aquí tamén valoran moito o que demostras na entrevista e no traballo do día a día, e danlle menos peso aos títulos.

Contemplando con amigas o Lough Tay (ou Guinness Lake)

  • Onde estudaches Maxisterio e cal é a túa especialización?

Ao rematar bacharelato fixen un Ciclo de Formación Profesional Superior de Animación Sociocultural en Baiona e despois comecei a carreira de Educación Primaria en Pontevedra. Ter este ciclo formativo axudoume a poder ter oportunidades laborais mentres estudaba e despois de ter a carreira. Non teño ningunha especialidade en Educación Primaria. Aquí en Irlanda non existen as especialidades; todo o profesorado de educación primaria da todas as materias. O único no que te podes especializar é en Special Education Teacher, pero tampouco é preciso ter esta especialidade para exercer.

Por non ter irlandés, moito do profesorado que ven do estranxeiro comeza a traballar como Special Education Teacher, porque non é preciso. A verdade é unha especialidade que me encanta e na que sempre estiven interesada. Así que tiven que aprender coa práctica, doutras profesoras e con moitas horas de autoformación na casa.

Na crèche na que anteriormente impartiu clases de preescolar

  • No teu traballo como profesora de Educación Especial, no sistema educativo irlandés percibes moitas diferenzas coa ensinanza en España, no ámbito da formación e da inclusión de alumnos que requiren máis apoio?

Aquí en Irlanda os ratios son bastante similares, pero si que hai moito máis profesorado adicado ao alumnado con necesidades educativas nos colexios. Cada vez tamén están abrindo máis aulas de autismo dentro de máis colexios de educación primaria, o que axuda e fomenta a inclusión. Por exemplo, onde eu traballo temos unha Special Education Teacher (mestra especializada en pedagoxía terapéutica) por cada nivel educativo; en total somos 8 e ademais temos case en cada clase unha Special Needs Assistant (auxiliares de educación especial). Tamén o apoio priorízase dentro da aula e inténtanse facer actividades seguindo o DUA (Deseño Universal de Aprendizaxe), máis abertas e adaptadas ao ritmo de aprendizaxe do alumnado. Ademais de que hai unha maior concienciación da diversidade e do alumnado neurodiverxente nos colexios. Iso si, as listas de espera son moi largas cando o alumnado precisa de recursos externos como atender a terapia ocupacional, logopedia, facer algún tipo de diagnóstico, etc.

En pleno programa de Forest School, no que todos os venres diferentes clases de Primera van ao bosque (Marian´s Wood), preto do colexio, a aprender na natureza. A imaxe corresponde a unha formación na que Carme atende unha formación -unha vez ao mes- consistente nunha Community of Practice para compartir experiencias con outros Forest School de Dubñin e arredores. Os alumnos están a facer St. Bridget´s Crosses, símbolos tradicionalmente feitos por mulleres e usados para protexer as casas. Representan a celebración do Imbolc, o inicio da primavera celta, o 1 de febreiro

  • E en xeral, notas moito contraste entre os métodos de ensino de ambos países?

Realmente non podería dar unha resposta totalmente obxectiva porque nunca traballei en Galicia como mestra e en Irlanda só traballei no colexio no que estou actualmente. Malia iso, podería dicir que hai cousas nas que a educación irlandesa aínda está un pouco estancada, como é o caso de que aínda existen colexios públicos e privados segregados por sexo (sobre un 10%), proporción que aumenta no caso da educación secundaria (sobre o 30%). Ademais, gran parte dos colexios públicos e privados están controlados pola igrexa católica (sobre un 88%). Por sorte eu tiven a oportunidade de poder traballar nun Educate Together, que son colexios públicos baseados na igualdade, democracia, equidade, centrados no alumnado e no que aprenden sobre diferentes relixións do mundo, mais poucos centros seguen este tipo de patronaxe. Outra das particularidade é que ao profesorado nos chaman polo noso nome de pila, cousa que non acontece no resto de colexios, onde a min me chamarían Ms. Reboreda; e tampouco usan uniforme.

En canto ao tema do idioma, nas escolas de educación primaria teñen unha materia de irlandés, pero non existe o ensino transversal doutras materias nesa lingua, o que non facilita que se use o irlandés máis que durante esa materia. Existen tamén escolas chamadas Gaelscoileanna onde todas as materias son impartidas en irlandés, e logo teñen outra materia, que é inglés, que pouco a pouco están collendo forza. No novo currículo das linguas que se publicou en 2024, fan xa fincapé á incorporación de linguas estranxeiras nas escolas de educación primaria, onde o español, francés e alemán están a coller forza para introducirse tamén. Relacionado con isto pero de forma máis informal, no meu colexio, xa que temos alumnado con familia hispanofalante, organizo un Clube de español mensualmente, onde teño alumnado de 5 a 12 anos que participa e aproveita para poder usar a lingua que usan na casa e mesmo coñecer un pouco de cultura e tradicións de países hispanofalantes.

Disfrutando dun día de neve en Dublín, con amigas

  • Resultouche sinxela a adaptación a túa nova vida laboral en Irlanda? E a integración á sociedade e ao ritmo de Dublín?

A adaptación á vida laboral en Irlanda fíxose dura, especialmente polo idioma. A inmersión lingüística sen dúbida é a mellor forma de aprender un idioma, pero fai que sexan uns primeiros meses bastante intensos onde actúas máis ben de “escoitadora” absorbendo todo o que podes. Os días fanse agotadores, mais pouco a pouco vas collendo máis ritmo e comezas a ver os resultados. Despois tamén está o tema de aprender o currículo de aquí; a historia e tradicións son cousas que levan tempo e nas que día a día aprendes cousas novas. Un tema a destacar tamén é que Irlanda non ten un sistema sanitario público e na maior parte é privado, polo que practicamente calquera problema médico hai que pagalo do peto. Por exemplo, unha simple consulta cunha médica/o hai que pagala, e son sobre uns 70 euros. Moita xente acaba por ter seguros privados. Eu por sorte só tiven que ir a unhas cantas consultas, pero nada serio.

Dublín ten moita vida e hai bastante interculturalidade; é moi bonito ter a posibilidade de coñecer persoas de moitas partes do mundo. Ademáis hai bastantes festivais e actividades culturais na cidade. Eu non vivo no centro de Dublín, vivo pola parte sur, o que leva a un ritmo de vida máis tranquilo, máis de barrio, fóra do axetreo da capital. As persoas irlandesas son moi acolledoras e faise sinxelo interactuar coa xente, aínda que non é tan sinxelo establecer amizades profundas e require bastante tempo. Así que é moi común buscar amizades hispanofalantes, aínda que Dublín, ao ser unha cidade con tanto movemento, fas moitas amizades que co tempo terminan marchando e dificulta ter unha rede máis ampla.

  • O teu obxectivo é permanecer no país por largo tempo? Ou Vigo e Galiza tiran moito?

É unha pregunta moi complicada. Cando emigras non tes data de retorno; emigras para buscar traballo e logo o tempo pasa e vaste asentando. Temos moitas conexións bonitas entre Galicia e Irlanda; a xente é moi acolledora, o clima é un chisco máis duro e tamén chove moito, a paisaxe é un pouco máis verde, a música folk escóitase en todas partes, teñen tamén o irlandés como o seu idioma, raíces celtas, moitas lendas e mitoloxía, etc. Hai moitas cousas que nos unen; fan que sexa máis sinxelo estar aquí e pasa a ser o teu fogar, mais por suposto a morriña sempre está aí e hai moitas cousas que se botan moito en falla, como a familia ou as amizades de toda a vida que non se poden substituír. Tamén o feito de que ao estar lonxe perdes moitas cousas que pasan alá, coma nacementos, celebracións, aniversarios, mortes, etc. Todo iso é unha peaxe grande que hai que pagar cando se emigra. E logo están outras cousas como ter un clima un pouco máis suave, con verán de verdade no que faga calor, ou a rica gastronomía que temos en Galicia.

En canto á miña profesión, ensinar na túa lingua materna, coñecer a historia, a cultura e as tradicións supoño que tamén fan a diferenza. Así que cando sexa o momento e decidamos voltar, prepararei as oposicións ben e se o consigo poderei exercer a miña profesión en Galicia, quizais como profesora especializada en inglés ou pedagoxía terapéutica.

  • As condicións económicas, laborais e mesmo sociais son axeitadas no Ensino nese país? O colectivo goza de boas condicións e recoñecemento?

Se tes vivenda, as condicións laborais son bastante boas e cada ano hai un pequeno incremento salarial, así que con anos de experiencia chegas a un moi bo salario. Iso si, cóbrase o mesmo en toda Irlanda, cando o nivel de vida en Dublín por exemplo é moito máis elevado, o que vai ligado a que na capital sexa unha profesión menos popular, especialmente polo tema da vivenda. O sindicato do profesorado de educación primaria INTO é bastante forte e loita por mellorar as condicións constantemente. O que é máis complicado ao principio é o feito de poder conseguir contratos ano completo no que cobres o verán; eu este ano vou cobralo por primeira vez. Ademais hai outras grandes vantaxes como o tema de que temos os mid-terms, que son uns días ou unha semana entre metade de trimestre no que se descansa, e ven estupendamente para recargar baterías. Socialmente a profesión está un pouco infravalorada, como acontece en España; a cidadanía en xeral non se dá de conta do importantísimo traballo que facemos formando ao futuro do país e a cantidade de traballo que temos.

  • Falabas da vivenda. Como é en Dublín o acceso á ela? Foi unha das túas principais dificultades aí?

O tema da vivenda é moi complicado aquí, especialmente en Dublín, e cada vez parece que vai a peor. A cidade está a crecer demasiado rápido para a súa estrutura e a oferta de vivendas resulta bastante limitada. Aquí a maioría das vivendas son casas ou edificios con moi poucas plantas. Ademais diso, a inflación non axuda e os pisos e casas están a prezos prohibitivos, sendo un dos países con prezos de aluguer de vivenda máis elevados de toda Europa. A cantidade de persoas sen teito incrementa cada ano con cifras desoladoras. Coñezo a varias persoas que viñeron con traballo, durmindo en hostels por unhas semanas e tiveron que voltar por non conseguir ningún apartamento ou casa para compartir. Eu por sorte tiven o contacto dunha coñecida que tiña un cuarto libre na casa que alugaba o caseiro e puiden comezar alí. Unha casa fermosa cerca do Luas (tranvía) cun pequeno xardín na que vivimos 5 persoas. Aos poucos anos decidimos miña parella e eu mudarnos, e isto foi complicado; estivemos meses enviando centos de peticións para ver casas e moi poucas nos contestaron. Durante estes meses só conseguimos ir a ver 3 casas/apartamentos, das cales nos quedamos cun. Agora seguimos a vivir neste apartamento moi contentas, a unha distancia moi próxima ao colexio onde traballo.

Carme Reboreda defendendo a camiseta da selección galega de fútbol gaélico

  • Para o tempo de ocio, cales son as túas preferencias nesta etapa en Irlanda?

Pois un dos meus maiores pasatempos é xogar e adestrar fútbol gaélico. Isto foi outra das cousas que me axudou a tomar a decisión de mudarme a Irlanda despois de facer a entrevista. Comecei a xogar a fútbol gaélico en Pontevedra durante a carreira e é un deporte que me enganchou moito. Xoguei moitos anos a balonmán e despois a rugby, pero o fútbol gaélico tiña algo especial. Tiven a sorte de poder entrar na Selección Galega de Fútbol Gaélico e xogamos torneos internacionais por Europa. Así que a posibilidade de xogar aquí en Irlanda no berce do fútbol gaélico ía ser unha boa oportunidade de aprendizaxe e de socializar despois do traballo. A primeira semana despois de mudarme xa contactei co equipo local máis próximo á casa, Kilmacud Crokes, e comecei adestrar despois de pasar a corentena que era obrigatoria despois de viaxar.

O pasado verán nun encontro moi especial de fútbol gaélico, no que a selección galega se enfrentou ao equipo irlandés no que xoga Carme, o Kilmacud Crokes. Foi o primeiro campionato a 15 do combinado galego

Aínda agora sigo a xogar co equipo de Kilmacud Crokes e coa Selección Galega cando me chaman. Este ano son os Xogos Mundiais de Fútbol Gaélico en Waterford (2026 World GAA Games) onde participan máis de 100 equipos de todo o mundo e entre eles a nosa Selección Galega con dous equipos femininos e dous masculinos.

Outro dos meus pasatempos é estudar irlandés (Gaeilge). É unha lingua celta fermosa e moi rica, mais tamén moi complicada. Levo xa varios anos estudándoo en diferentes lugares como Conradh na Gaeilge ou Gaelchútur. A situación do irlandés ten bastantes semellanzas coa do galego, pero a peor. Foi a lingua dominante en Irlanda pero debido á colonización británica e outros motivos foi en declive. O uso cotiá é moi reducido (a non ser que esteas nas zonas da Gaeltacht) e non resulta sinxelo atopar moitas persoas en Irlanda que se sintan cómodas falando irlandés ou que poidan manter unha conversa, así que faise máis complicado practicalo. Institucionalmente ten un gran apoio e está presente en todas as sinalizacións e medios de comunicación públicos como a TG4. Por sorte, segue a ser un símbolo nacional e grazas tamén a moitas creadoras/es en Instagram e TikTok que usan o irlandés, a banda Kneecap, as escolas Gaelscoileanna, medios de comunicación con contido actualizado, os Pop-up Gaeltacht (quedadas para falar irlandés nun pub), etc. parece que está a rexurdir culturalmente entre a mocidade. Actualmente hai de 70.000 a 100.00 falantes habituais, dos que a maioría habitan nas zonas chamadas Gaeltacht, onde conservan o idioma.

As compañeiras de Carme no Kilmacud Crokes de fútbol gaélico

Gústame moito, cando o tempo o permite, facer camiñatas ou hikes (como lle chaman aquí) polos montes irlandeses. Hai paisaxes fermosas que percorrer! O ano pasado fixen cunha amiga o Wicklow Way, que é un camiño de 130 kilómetros que vai dende Dublín pasando por todas as montañas de Wicklow (un dos counties máis verdes de toda Irlanda) ata chegar a Clonegal. É un pasatempo bastante común por aquí e a moita xente lle gusta facer escapadas á natureza na finde ou incluso ir darse un chapuzón na auga (cousa que para mín xa é máis complicada pola baixa temperatura da auga do mar).

Celebrando o Magosto de 2025 coa Asociación Galega en Irlanda

Foto de grupo da asemblea constituínte da Asociación Galega de Irlanda

Tamén estou metida na Asociación Galega de Irlanda, proxecto fermoso que coñecín pouco despois de mudarme xa que a miña compañeira de casa participaba nalgunha das actividades que facían. As primeiras persoas que se xuntaron e decidiron agruparse e montar unha asociación galega de forma informal comezaron no 2019. Seica os inicios foron con quedadas en Meet Up (unha plataforma que se usa bastante para organizar eventos nos que pode participar calquera persoa) e pouco a pouco fóronse organizando un chisco máis e creando un grupo de WhatsApp foron xuntando a máis xente. Despois do Covid 19 houbo uns anos de parón, mais logo continuou aparecendo máis xente e organizáronse eventos con máis frecuencia. Hoxe estamos 89 persoas no grupo, temos 475 seguidores en Instagram (https://www.instagram.com/galicians_in_ireland/), 239 en Facebook (https://www.facebook.com/asociaciongalegaenirlanda) e estamos no proceso de constituírnos legalmente en Irlanda e formar parte do rexistro para a galeguidade da Xunta de Galicia. Durante todo este tempo organizamos diferentes actividades como Magostos, San Xoán, unha festa Xabarín, camiñadas, Día das Letras Galegas e tamén difundimos eventos nos que a cultura galega está presente, como presentacións de libros, lecturas de poemas, concertos, partidos da selección galega de fútbol gaélico, etc. Un último evento que organizamos fai pouco en colaboración con Balfolk foi un obradoiro de baile galego no Cobblestone (pub de renome en Dublín) que tivo un éxito rotundo, con máis de 50 participantes de diferentes países. Agora mesmo estamos preparando clases de pandeireta, para as que buscamos doazóns deste instrumento, xa que nos resulta moi complicado conseguilo aquí. Ata o de agora operamos sen ningún tipo de orzamento, pero esperemos que esta situación cambie unha vez que formemos parte do rexistro da galeguidade. Ademais tamén estamos abertas a doazóns. Para calquera cousa podedes poñervos en contacto a través do correo Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.. É fermoso poder formar parte desta bonita comunidade galega, xa que é un espazo onde facemos posible celebrar a nosa cultura e tradicións das que sempre hai moita morriña cando se está fóra. Así que recibimos a todas as persoas galegas en Irlanda, así como a todas as persoas doutros países con interese pola nosa cultura e idioma, cos brazos ben abertos. Go raibh míle maith agat (Moitísimas grazas).

Durante unha excursión aos Cliff the Moher

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia