Zona Franca
A nova `Cátedra Consorcio Zona Franca de Vigo en Computación Cuántica´ posicionará a Galicia como referente na tecnoloxía fotónica

- Esta especialización reforza a alianza estratéxica entre Zona Franca e a Universidade de Vigo, a través dun convenio que compromete 240.000 euros anuais de financiamento
- A Cátedra consolidará o Laboratorio Experimental de Computación Cuántica, xerará oportunidades laborais para investigadores e permitirá avances na investigación e no logro dunha máquina de Ising óptica, clave na eficiencia e velocidade de cálculo
O delegado do Estado na Zona Franca de Vigo, David Regades, e o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, subscribiron o convenio para a creación da `Cátedra Consorcio Zona Franca de Vigo en Computación Óptica Cuántica´, acto ao que asistiron, entre outros, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a vicerreitora, Belen Rubio, e o director do Vigo Quantum Comunication Center (VQCC), Marcos Curty, ademais de representantes do tecido tecnolóxico, empresarial, científico, académico e social de Vigo. A Cátedra, como enxalzou o delegado do Estado na Zona Franca “supón unha nova alianza estratéxica coa Universidade que tamén vai posicionar a área de Vigo como referente nesta tecnoloxía clave para a soberanía dixital e a transformación da economía”.
David Regades remarcou “como desde Vigo estamos a consolidar a nosa posición como cidade na nova economía e nos novos sectores industriais. Fixémolo coa fotónica e agora coa cuántica, outro novo sector que nace no mundo e coa que poderemos establecer sinerxias co proxecto SPARC e a planta de semiconductores fotónicos”. O delegado do Estado sinalou que o reto desta Cátedra “será crear, promover e transferir o coñecemento científico e tecnolóxico en computación cuántica con tecnoloxía fotónica, ademais de atraer talento e contribuir a colocar a Vigo, Galicia e España na investigación de excelencia neste ámbito”.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, mostrouse especialmente satisfeito de crear con esta Cátedra un espacio de I+D+I “que debe ser útil para as empresas e para a sociedade”. Destacou que esta especialización “permite un ecosistema neste terreo e ter voz propia nese campo, non só estar a escoitar, senon ser escoitados e, ademais, con capacidade de atraer talento internacional”, apuntou Reigosa, quen recordou a conexión do Vigo Quantum Comunication Center coa Universidad de Oxford a través dun dos maiores expertos mundiais en óptica cuántica, Alexander Lvovsky.
No acto de presentación, o director científico do Vigo Quantum Comunication Center (VQCC), Marcos Curty, informou que “con esta Cátedra apoiarase a actividade do laboratorio experimental en computación cuántica que se creou recentemente no VQCC en colaboración co CESGA”. A computación cuántica, sinalou, “permite resolver problemas de maneira moito máis rápida que a computación clásica, por exemplo problemas matématicos relevantes para a criptografía, a búsqueda en bases de datos, a simulación de sistemas físicos complexos, a aceleración de algoritmos de aprendizaxe automático, ou a resolución de problemas de optimización, que é relevante en loxística, asignación de recursos ou planificación”.

DESENVOLVEMENTO DE PROCESADORES CUÁNTICOS
Marcos Curty incidiu en que “o primeiro obxectivo do laboratorio nos próximos 3 a 5 anos será o desenvolvemento de procesadores cuánticos que nos permitan, precisamente, resolver problemas de optimización que teñan relevancia práctica de manera moito máis rápida e eficiente que os ordenadores clásicos”. Tamén precisou que existen diversas tecnoloxías para desenvolver ordenadores cuánticos, “e nós decantámonos por tecnoloxía fotónica, porque é unha das máis prometedoras e porque os outros laboratorios experimentais que temos no VQCC son tamén en fotónica, o que nos permite encontrar sinerxías e colaboracións entre os diversos grupos de investigación”.
Pola súa parte, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, resaltou a relevancia do convenio, que dota de fondos, garante e mellora o traballo realizado ata o de agora polo equipo de investigación do VQCC, e recordou como nos seus tempos a cuántica “era un sono”. Non quixo deixar de reivindicar unha transformación tecnolóxica que non conte coa dimensión social: “Debemos crear emprego de calidade e reivindicar, especialmente nestes tempos difíciles que vivimos, unha tecnoloxía e unha Intelixencia Artificial na que impere a dimensión humana e a social”. Caballero recordou a intervención do Nóbel de Economía 2024, Daron Acemoglu, ao seu paso polo Vigo Global Summit no pasado novembro, onde defendeu unha IA “que potencie as capacidades humanas e non as substitúa”.
Inés González, directora xeral do Consorcio, tamén incidiu “na alianza estratéxica da Zona Franca coa Universidade de Vigo en todos aqueles proxectos que supoñen transferencia de coñecemento, como xa ocorre coa Cátedra Ardán”.
Finalmente, a senadora e primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, fixo fincapé “na ambición dunha comunidade humana como é a de Vigo, que liderada por Concello, Zona Franca e Universidade, ten claro como enfrontar o reto das tecnoloxías para exercer un liderado real”. Silva chamou a atención sobre “o sesgo de xénero que teñen estes novos sectores” e reclamou “a presenza do talento de máis da metade do mundo nas tecnoloxías emerxentes e disruptivas”.
O convenio entre a Zona Franca e a UVigo, que entrará en vigor o 1 de xullo, ten unha vixencia de 4 anos e un financiamento de 240.000 euros anuais, 120.000 a aportar por cada organismo. Esa dotación económica será destinada a costear as horas do persoal investigador senior postdoctoral que realizará as actividades previstas.
A Cátedra centrarase no traballo para consolidar o Laboratorio Experimental de Computación Cuántica; na creación e consolidación de oportunidades laborais para investigadores, no avance na investigación e no logro dunha máquina de Ising óptica, que sería un gran paso en eficiencia e velocidade de cálculo; así como na difusión e promoción desta tecnoloxía entre a comunidade de estudantes universitarios.

























