Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

Galicia fixa un novo teito de emprego industrial, con 192.300 traballadores, mentres que en produción duplica o crecemento medio de España

  • O Índice de Produción Industrial pechou 2025 cunha subida interanual do 6,5% na Comunidade, case catro puntos porcentuais por encima do estatal (2,8%)
  • Alfonso Rueda asegura que “os datos avalan o éxito das políticas da Xunta” e indican que Galicia estase a converter no principal polo de atracción industrial do norte peninsular
  • Un informe sobre as políticas industriais no período 2023-2025 recolle que a industria galega xerou o ano pasado un 5% de emprego neto e que xa concentra o 16,4% da poboación ocupada en Galicia, fronte á medida estatal do 13,5%
  • Ademais, o Valor Engadido Bruto (VAB) industrial rexistrou un incremento do 5,2% e tamén alcanza cifras récord, ao tempo que se reforza o peso estrutural do sector na economía galega
  • O presidente da Xunta subliña que os nove plans directores, o Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, e un amplo abano de axudas, favorecen a atracción de empresas e a mellora da competitividade do tecido empresarial galego
  • Rueda avanza que para o vindeiro trimestre está prevista a aprobación dos plans directores de forestal-madeira e das TIC, que se sumarán aos xa en vigor da automoción e o naval  

Alfonso Rueda destacou no Consello da Xunta os datos dun informe sobre as políticas industriais aplicadas polo Goberno galego no período 2023-2025 que revelan que “o emprego industrial bate récords en Galicia con 192.300 traballadores” e que o sector medra por riba da media española. “Os datos avalan o éxito das políticas da Xunta”, asegurou o presidente do Goberno galego, na aposta por atraer novos proxectos industriais estratéxicos á Comunidade.

Con máis de 192.300 persoas ocupadas na industria e un crecemento do Índice de Produción Industrial (IPI) dun 6,5% interanual en decembro de 2025, fronte ao 2,8% do conxunto do Estado, Galicia estase a converter no principal polo de atracción industrial do norte peninsular, segundo se extrae do informe. Este documento de análise pon de relevo a importante contribución da estrutura industrial galega ao PIB rexional e á creación de emprego grazas a sectores como a automoción, construción naval, metalmecánica, industria forestal, industria alimentaria e as TIC, entre outros.

O informe salienta que a Xunta está a levar a cabo importantes iniciativas co obxectivo de incrementar a actividade industrial na Comunidade autónoma, como motor da súa economía. Esta planificación aséntase nunha estratexia que ten nos plans directores dos distintos sectores da Comunidade e no Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais os seus piares fundamentais.

O resultado destas políticas, precisou Alfonso Rueda á finalización do Consello da Xunta, sitúan a Galicia “como a terceira Comunidade autónoma con maior crecemento interanual do Índice de Produción Industrial (IPI)” a decembro do 2025, cun incremento do 6,5%, fronte a unha subida media estatal do 2,8%. Isto fai que peche o ano 2025 superando en case 4 puntos o ritmo de crecemento medio da produción industrial de España, que se sitúa no 2,8 %. Deste xeito, Galicia acada un índice do 96,72, superando o índice estatal, que acada un 95,37.

A industria galega xa representa o 16,4% do total da poboación ocupada en Galicia, porcentaxe que supera en case tres puntos a media estatal, cifrada nun 13,5%. Deste xeito, a Comunidade galega pechou 2025 cunha media de 192.300 persoas ocupadas na industria e incrementando a cifra nun 4,9% con respecto ao dato de 2024 e volvendo marcar un récord histórico de ocupación. A estes datos cómpre sumar o Valor Engadido Bruto (VAB) industrial, que rexistrou un incremento do 5,2% e que tamén alcanza cifras récord, ao tempo que se reforza o peso estrutural do sector na economía galega.

Unha das bases da estratexia industrial da Xunta aséntase nos plans directores, follas de ruta dos distintos sectores clave da Comunidade galega que xorden da necesidade de analizar, detectar oportunidades e deseñar accións de apoio co fin de promover o desenvolvemento da actividade industrial no sector específico que corresponda. Na actualidade téñense declarado nove sectores estratéxicos polo Consello da Xunta: automoción, construción naval, loxística industrial, metalmecánico, TIC, industria forestal, industria alimentaria, téxtil e confección e industria da construción.

APROBACIÓN DE DOUS NOVOS PLANS DIRECTORES

Tal e como explicou o presidente da Xunta, “os dous primeiros sectores -automoción e naval- xa contan co plan aprobado”, mentres que os dos sete restantes están en diferentes graos de tramitación, prevéndose a aprobación dos plans directores dos sectores industriais forestal-madeira e industria das TIC no próximo trimestre.

Outro instrumento da política industrial autonómica para que Galicia ocupe un lugar destacado na creación de riqueza e emprego é o Plan autonómico de impulso e aceleración de proxectos industriais, que inclúe unha serie de medidas dirixidas a facilitar a implantación de novos proxectos industriais, así como a ampliación dos existentes. Neste marco, a Comunidade conta con figuras de axilización administrativa que permiten reducir os prazos de tramitación dos proxectos industriais, ben sexan novos ou ampliacións. Entre estas, cómpre salientar a figura dos Proxectos industriais estratéxicos (PIE), instrumento fundamental para a axilización de iniciativas empresariais nas que se estime que teñen tal carácter estratéxico pola súa función no desenvolvemento, implantación ou execución da política industrial autonómica e a súa incidencia económica ou social.

Así, na actualidade, “hai 14 Proxectos industriais estratéxicos declarados”, detallou Rueda. Trátase, entre outros, da planta de xeración, almacenamento e distribución de hidróxeno verde en Arteixo, promovida por AccionaPlug; a factoría de biometano impulsada por Norbiogas Biometanol no polígono industrial de Curtis; a nova planta de produtos do mar conxelados de Congalsa, na Pobra do Caramiñal (A Coruña); ou a ampliación da fábrica de Urovesa en Valga. Ademais, informou que outros catro xa teñen o PIE aprobado definitivamente mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia: o centro de procesamento de datos impulsado pola empresa Galicia Green Data Center no concello coruñés de Curtis; a planta de produción de metanol verde de Triskelion en Mugardos; a de manipulado e envasado de peixe de Stolt Sea Farm en Rianxo; e a de fabricación de carbón vexetal promovido por Xallas Electricidad y Aleaciones S.A.U. (Xeal) no municipio de Dumbría.

AXUDAS PARA ATRAER EMPRESAS A GALICIA

De xeito paralelo, o Goberno galego, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), desenvolve distintas liñas de axudas que permiten atraer empresas a Galicia e mellorar a competitividade das existentes. Entre o amplo abano de apoios, cómpre subliñar as axudas para atracción de empresas a Galicia, cuxo obxectivo é o de estimular a posta en marcha de grandes proxectos de investimento empresarial, coa finalidade principal de potenciar a actividade económica e o mantemento e creación de emprego, así como atraer novas iniciativas empresariais, sen renunciar ao crecemento e mellora das xa existentes nin á creación e posta en marcha de novas iniciativas empresariais.

Os apoios diríxense ás pequenas e medianas empresas dos sectores de actividade máis importantes para Galicia, pola súa función decisiva na creación de emprego e por constituír un factor de estabilidade social e de desenvolvemento económico, así como polas especiais dificultades para acceder ao capital e ao financiamento. O pasado 16 de xaneiro publicouse a terceira convocatoria destas axudas, que permanecerá aberta ata o 30 de setembro. Desde a súa posta en marcha no ano 2024, apoiáronse 50 proxectos por importe de máis de 40,1 millóns de euros que mobilizarán un investimento superior aos 135 millóns de euros.

A colaboración público-privada, a simplificación administrativa ou as políticas de solo industrial, coa creación de novas figuras para reducir trámites e abaratar prezos, tamén forman parte da política industrial da Xunta.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia