Consellería de Economía e Industria
Rueda destaca “a gran oportunidade” que representa o sector da seguridade e da defensa para a industria naval e marítima de Galicia

- Na clausura do Congreso Maritime Trends Summit precisou que a Iniciativa Estratexia en Seguridade, Defensa e Aeroespazo con horizonte 2030 aprobada pola Xunta vai mobilizar 900 millóns, a partir dun investimento público de 183 millóns
- Tamén puxo en valor o novo Plan director do Naval, dotado con case 63 millóns, que busca apoiar “un eido estratéxico para a economía galega” no proceso de modernización, dixitalización e mellora da competitividade
- A Xunta acaba de convocar a primeira liña de axudas ao abeiro da Estratexia de Seguridade e Defensa, por importe de 1,5 millóns, dirixida ás empresas galegas que teñan interese en posicionarse como subministradoras do sector
- Alfonso Rueda pide ao Goberno central que Galicia poida participar na primeira puxa pública de eólica mariña de España e que lle permita á Xunta habilitar unha nova plataforma experimental en Punta Langosteira
Durante o acto de clausura do Congreso Maritime Trends Summit, organizado en Vigo pola Asociación de Industrias do metal e tecnoloxías asociadas (Asime), o presidente da Xunta destacou a gran oportunidade que o sector da seguridade e da defensa supón para a industria naval e marítima de Galicia. No propio acto salientou ademais o liderado do naval galego, no que Galicia é unha das Comunidades con maior carteira de pedidos ao finalizar 2025, concentrando o 41% de volume de traballo a nivel estatal e un terzo dos novos contratos.
Alfonso Rueda puxo en valor o novo Plan director do Naval aprobado pola Xunta, e dotado con case 63 millóns de euros, co que busca apoiar a un eido estratéxico para a economía galega no proceso de modernización, dixitalización e mellora da competitividade. Así, resaltou a aposta da Xunta por un sector que representa a Galicia Calidade que é “a nosa marca por todo o mundo”, un lugar no que “as cousas sempre se fixeron moi ben e vanse seguir facendo”.
Ademais, o presidente do Executivo galego fixo fincapé nas novas oportunidades de mercado no eido da defensa ou das enerxías verdes. Nesta liña, resaltou o compromiso da Xunta con posicionar a Galicia na seguridade e defensa, unha industria con “enormes oportunidades” e “man de obra moi cualificada” que se prevé sexa estratéxica nos vindeiros anos ante o actual contexto xeopolítico internacional e os compromisos adquiridos pola Unión Europea.
A Xunta aprobou o pasado ano a Iniciativa Estratexia en Seguridade, Defensa e Aeroespazo con horizonte 2030 e que contará cun investimento público de 183 millóns de euros cos que se prevén mobilizar un total de 900 millóns. O obxectivo é impulsar o crecemento das empresas do ecosistema galego, promover novos instrumentos industriais, reforzar as capacidades produtivas da industria autonómica, facilitar o acceso a capital e infraestruturas das empresas interesadas no sector e promover a colaboración público-privada nestas actividades.
De feito, a Xunta vén de convocar a primeira liña de axudas ao abeiro desta Iniciativa que busca apoiar ás empresas galegas que teñan interese en posicionarse como subministradoras en materia de seguridade e defensa. A esta primeira convocatoria destinaranse 1,5 millóns de euros.
EÓLICA MARIÑA E ENERXÍA MAREOMOTRIZ
Por outra parte, Rueda salientou que as enerxías verdes, como a eólica mariña ou a mareomotriz, tamén supoñen unha nova oportunidade para a industria marítima galega “con todas as garantías”, e resaltou o potencial que ten Galicia á hora de producir enerxía limpa, “unha potencia que xa temos e que non podemos perder”, asegurou. Ademais, manifestou que poder “seguir co Plan de repotenciación” é unha “magnífica nova para o medio ambiente”.
Neste sentido, o Executivo galego demanda ao Goberno central que a Comunidade participe na primeira puxa pública de eólica mariña de España e permita á Xunta habilitar unha nova plataforma experimental en Punta Langosteira para testar e probar tecnoloxía punteira neste eido sen afectar ao medio mariño.

























