Consellería de Economía e Industria
A Xunta reivindicou en Madrid o talento galego e a capacidade de proxección exterior, no acto no que Aegama distinguiu a traxectoria do doutor ourensán Manuel Leyes

- A directora do Igape, Covadonga Toca, destacou na entrega do `XIX Premio Victoriano Reinoso´ a importancia de “recoñecer as traxectorias profesionais que representan a excelencia galega máis aló das nosas fronteiras”
- En alusión á Asociación de Empresarios Galegos en Madrid, enxalzou o seu labor de cohesión e afirmou que “o que facedes non é só crear rede profesional; creades Comunidade”
- Ao referirse á figura do doutor Leyes, referente mundial en cirurxía de xeonllo no deporte de elite, enxalzou que o seu éxito “recórdanos algo que en Galicia sabemos ben: que o talento que nace na nosa terra pode competir ao máximo nivel en calquera lugar do mundo”
No marco do `XIX Premio Victoriano Reinoso´, no que a Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama) distinguiu ao doutor ourensán Manuel Leyes Vence, a Xunta de Galicia puxo en valor o talento galego e a súa capacidade de proxección exterior. A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou no acto, onde destacou a importancia de recoñecer as traxectorias profesionais que representan a excelencia galega máis aló das nosas fronteiras.
Durante a súa intervención, Toca Carús sinalou que o premio de Aegama converteuse “nunha oportunidade para reunirnos, para poñer en valor o que representamos, e para recoñecer o talento galego estea onde estea”, subliñando a transcendencia destes encontros para reforzar os vínculos entre Galicia e os profesionais que desenvolven a súa actividade fóra da Comunidade.
Neste contexto, a directora do Igape felicitou a Aegama polo seu labor de cohesión do empresariado galego en Madrid, asegurando que “o que facedes non é só crear rede profesional; creades Comunidade. E iso, cando un está fóra da súa terra, ten un valor enorme”, argumentou. Por iso destacou a importancia de manter vivos os lazos con Galicia, xerar oportunidades e proxectar a identidade galega en contornos profesionais de alta esixencia.
No acto celebrado en Madrid foi recoñecida a traxectoria de Manuel Leyes, referente internacional en cirurxía ortopédica e traumatoloxía, especialmente no ámbito da cirurxía de xeonllo e da medicina deportiva. Covadonga Toca salientou que o premiado representa “traballo ben feito, rigor e paixón pola súa profesión”, e enxalzou a combinación de coñecemento, innovación e dedicación constante que caracterizan a carreira do doutor Leyes.
A directora do Igape subliñou que o seu éxito “recórdanos algo que en Galicia sabemos ben: que o talento que nace na nosa terra pode competir ao máximo nivel en calquera lugar do mundo”. Incidiu ademais na capacidade da Comunidade para formar profesionais que destacan nos contornos máis esixentes.
Durante a súa intervención, vinculou tamén esta proxección exterior coa marca Galicia Calidade, que definiu como “unha marca que identifica produtos, servizos e tamén valores: representa compromiso, rigor, confianza e ambición; representa, en definitiva, a calidade coa que Galicia quere presentarse ao mundo”.

























