Últimas Noticias

Consellería de Economía e Industria

A Xunta mobilizará 80 millóns de euros dos fondos de transición xusta para atraer proxectos industriais ás comarcas máis afectadas polo peche de centrais térmicas e explotacións mineiras

  • A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, activará unha nova liña de axudas para fixar investimentos vinculados á descarbonización e á transformación do tecido produtivo
  • Alfonso Rueda precisou que os apoios van dirixidos a operacións que impliquen un investimento mínimo de 10 millóns e que xeren emprego estable e de calidade no territorio
  • A Xunta tamén pon en marcha unha nova edición de préstamos parcialmente reembolsables, cunha dotación de 22 millóns de euros, para pemes da provincia da Coruña
  • Esta liña apoiará a creación de novos establecementos, a amp
  • liación da capacidade produtiva e a diversificación da produción ou a transformación dos procesos produtivos existentes
  • En total a Xunta de Galicia mobiliza no inicio do ano un total de 102 millóns no marco do programa dos fondos de transición xusta

 O Consello da Xunta acordou na súa reunión semanal mobilizar máis de 100 millóns de euros do programa do fondo de transición xusta “para atraer grandes proxectos industriais e apoiar ás pemes na provincia da Coruña", subliñou Alfonso Rueda. O obxectivo é poñer en marcha unha batería de medidas para impulsar unha transición económica equilibrada nos territorios máis afectados polo peche de explotacións mineiras e centrais térmicas de carbón.

En concreto, a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, destina 80 millóns de euros a unha nova liña de axudas dirixida ao financiamento de proxectos de descarbonización e renovación industrial de industrias tractoras, con capacidade para transformar o tecido produtivo, modernizar os procesos industriais e xerar actividade económica sustentable a medio e longo prazo. O presidente da Xunta detallou tras o Consello que os proxectos subvencionables deberán localizarse nas comarcas de Ordes, onde se situaba a central de Meirama; Eume, onde se emprazaba a central térmica das Pontes; e Ferrol; así como “nos concellos da Laracha, Carral, Ortigueira, Cerdido e Mañón”, ao tratarse das zonas directamente afectadas polo proceso de transición enerxética.

As axudas van dirixidas “a proxectos que impliquen un investimento mínimo de 10 millóns de euros e poderán recibir ata 30 millóns” por empresa e proxecto, precisou Rueda, quen explicou ademais que se valorará especialmente que as iniciativas contribúan de maneira significativa á diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro, ao avance cara á neutralidade climática e á creación de emprego estable e de calidade no territorio. Neste sentido, os proxectos deberán supoñer a creación neta de postos de traballo indefinidos, reforzando así o impacto social positivo das actuacións financiadas. As axudas están orientadas tanto a iniciativas de investimento rexional como de protección do ambiente, incluída a descarbonización, de acordo coa normativa europea vixente.

PRÉSTAMOS PARA PEMES

De xeito complementario, Alfonso Rueda anunciou que a Xunta “destina 22 millóns de euros a unha nova edición de préstamos parcialmente reembolsables para pequenas e medianas empresas” na provincia da Coruña. Esta liña permitirá apoiar actuacións orientadas á creación de novos establecementos, á ampliación da capacidade produtiva, á diversificación da produción ou á transformación fundamental dos procesos produtivos existentes. Neste caso, o investimento mínimo é de 60.000 euros e poderá executarse en todas a provincias. Os proxectos deberán manter o emprego existente e crear novos postos de traballo, contribuíndo así á consolidación do tecido empresarial, á xeración de actividade económica e á fixación de poboación no territorio.

O conxunto destas actuacións supón un importe total de 102 millóns de euros no inicio do ano 2026 no marco dos Fondos de transición xusta, reafirmando o compromiso da Xunta de Galicia cunha transición que compatibilice os obxectivos climáticos coa reindustrialización, coa competitividade empresarial e coa creación de oportunidades de emprego de calidade.

As dúas convocatorias publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 14 de xaneiro e contarán cun prazo de presentación de solicitudes de tres meses en ambos os casos, co obxectivo de facilitar ás empresas o acceso ás axudas e ao financiamento previsto nestas liñas de apoios cofinanciadas pola Unión Europea a través do programa do Fondo de transición xusta 2021-2027.

Financiado por la Unión Europea, NextGenerationEU
Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia